A Deputación inicia esta semana 9 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Máis de 150 veciños de oito concellos da provincia comezarán esta semana accións formativas centradas en risoterapia, ximnasia de mantemento, bailes de salón, ioga, plantas medicinais, restauración de mobles e tapicería, e musicoterapia
06/10/2025
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación dos obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana comezarán 9 novas accións en outras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 154 veciños de oito concellos da provincia: Arbo, Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Lalín, O Porriño e Vigo.
Os obradoiros dan comezo este luns 6 de outubro cunha actividade de risoterapia para a Unión de Xubilados e Pensionistas da UXT de Vigo e outra de ximnasia de mantemento para a Asociación de Consumidores de Muíños do Vento (Catoira). O martes 7 de outubro a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo tamén inicia unha formación de ximnasia de mantemento, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) aprenderá bailes de salón, a Asociación Mulleres en Igualdade de Prado (Lalín) restauración de mobles e tapicería e a Asociación de Amas de Casa Rosais (O Porriño) sobre plantas medicinais. As accións continúan o mércores 8 de outubro cun curso de ioga para a Asociación Érguete (A Guarda) e o xoves 9 de outubro con outro de restauración de mobles e tapicería para a Asociación As Mimosas de Carracido (O Porriño). Por último, a Asociación de Veciños San Gregorio de Corredoira (Cerdedo-Cotobade) realizará un obradoiro de musicoterapia.
A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.