A Deputación acredita con informes técnicos que Santa Clara avanza e as actuacións contan co aval de Patrimonio ao estar incluídas no proxecto aprobado en 2024

A institución provincial subliña que o proxecto se sitúa nunha fase avanzada e encamiñada cara ao inicio das obras, unha vez completados os requisitos técnicos e administrativos

17/04/2026

A Deputación de Pontevedra recibiu este mércores 15 de abril a primeira hora da mañá un novo informe técnico do Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia que confirma de maneira expresa que as actuacións que se están a desenvolver en Santa Clara, incluídas as relativas aos xardíns, están recollidas no proxecto de rehabilitación e ampliación do recinto conventual autorizado por Patrimonio en xullo de 2024 e que, ademais, contan co correspondente respaldo legal e técnico. A institución provincial subliña, ademais, que o proxecto se sitúa nunha fase avanzada e encamiñada cara ao inicio das obras, unha vez completados todos os requisitos técnicos e administrativos.

O informe amosa claramente que intervencións como a xestión da vexetación —incluída a retirada de exemplares afectados—, o traslado do antigo cemiterio ou a adaptación de elementos como o pozo forman parte do proxecto aprobado e deben executarse baixo control arqueolóxico e coas cautelas propias dun ben catalogado. O documento sinala que “a autorización do proxecto emitido o 04/07/2024 inclúe todas as actuacións recollidas no proxecto, e polo tanto tamén as referentes ás árbores, o cemiterio e o pozo (…) Polo exposto anteriormente, as actuacións obxecto de aclaración atópanse comprendidas na resolución da autorización do proxecto, coas cautelas correspondentes”.

Deste xeito, o informe desminte as críticas realizadas por parte do PSOE, que falou de “deforestación” e de falta de autorizacións. A realidade é que, tal e como xa defendía o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, todas as actuacións responden a criterios técnicos e ás obrigas legais vinculadas á intervención arqueolóxica e á protección do patrimonio.

Cómpre lembrar que o proxecto de Santa Clara é unha das intervencións patrimoniais máis ambiciosas da cidade e que está sometido a un procedemento complexo, no que é obrigatorio realizar escavacións, estudos e posibles adaptacións en función dos achados arqueolóxicos. De feito, estes traballos xa permitiron avances relevantes no coñecemento do propio convento, confirmando a súa orixe medieval.

Neste sentido, Rafa Domínguez foi contundente ao sinalar que “en Santa Clara non se está improvisando nin tomando decisións arbitrarias; estase cumprindo co procedemento para garantir que o proxecto se execute con todas as garantías”. A súa posición queda avalada agora polos informes técnicos do Departamento Territorial da Consellería.