A Deputación garante co Plan ReacPon o proxecto do camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell que fomentará a autonomía infantil en Ponteareas

Carmela Silva e Cristina Fernández asinaron un convenio de preto dun millón de euros co que se triplicará o espazo público nun tramo de 1.000 metros, beneficiando a máis de 1.500 escolares e a toda a veciñanza

03/02/2022

ReacPon Ponteareas

Ponteareas contará co seu primeiro camiño escolar seguro grazas ao Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. Así o fixeron constar hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa, Cristina Fernández, ao asinar o convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións para facer realidade unha obra de 963.525 euros, “unha inversión moi importante”, que se realizará no itinerario ao colexio Ramiro Sabell e que segue as liñas de actuación do ente provincial ao fomentar unha mobilidade amable, sostible e segura á vez que responde a unha demanda da comunidade escolar. A Deputación comprométese a achegar 722.645 euros mentres que o Concello de Ponteareas sufragará os 240.880 euros restantes.

Para Carmela Silva este é un “fermoso proxecto que aposta pola mobilidade sostible e segura e prioriza o dereito das e dos escolares e do resto da sociedade a moverse con liberdade a pé ou en bicicleta”. Ademais, como recalcou a presidenta provincial, esta infraestrutura “vai a recuperar o espazo público, algo que é fundamental incluso a nivel de aprendizaxe”. “É imposible que as nosas nenas e nenos teñan autonomía e independencia para moverse se circulan por espazos inseguros. Se sempre as/os acompañan as persoas adultas isto impide que poidan ter experiencias e aprendizaxes propios”, remarcou.

A Deputación é consciente de que tódolos concellos, especialmente os de menos de 50.000habitantes, teñen moitas ideas transformadoras, pero carecen de recursos para levalas a cabo. Engadiu que os cartos municipais non son suficientes e por iso a Deputación creou o Plan Concellos para atender os investimentos ordinarios. Pero tamén tomou a decisión de crear plans extraordinarios, con bases e criterios obxectivos, para as grandes obras e aos que poden presentarse tódolos concellos. Así sucedeu cos plans de Reequilibrio e DepoRemse e volve suceder agora co ReacPon. A presidenta destacou que as bases foron moi esixentes e serviron para demostrar que os concellos teñen “unha enorme capacidade para presentar proxectos maduros”. A presidenta provincial insistiu en que non hai ningunha Administración que, como a local, estea a demostrar a capacidade de xestión cos fondos que recibe e invitou a transferir máis recursos aos concellos “se, de verdade, queremos transformar tódolos eidos da actividade de humana”. “A xestión municipal xa non é sobresaínte, é de matrícula de honor”, concluíu.

Igualdade de oportunidades para tódolos concellos en lugar de convenios directos

O Plan ReacPon  ofreceu igualdade de oportunidades a tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, en contraste coa sucesión de convenios directos e subvencións opacas que reparte habitualmente a Xunta de Galicia entre os da súa mesma cor política, poñendo así á veciñanza da meirande parte dos municipios desta provincia nunha situación de desvantaxe en relación á calidade dos servizos que recibe.

Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Fernández amosou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio coa Deputación de Pontevedra “que sempre está aí!”. Engadiu que sen o apoio provincial este proxecto, dun millón de euros, “sería imposible porque comería a metade do noso orzamento”, subliñou. Tamén puxo o aceno na importancia que este proxecto ten para o concello asegurando que lles fai “especial ilusión porque levamos anos con el e dentro de pouco será unha realidade conectando moitos edificios públicos”.

O primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas

Con esta actuación Ponteareas terá o seu primeiro camiño escolar seguro que contará cun tramo de 1.000 metros de rúas e estradas que triplicarán o espazo para as persoas apostando pola mobilidade sostible e segura e priorizará o dereito da comunidade escolar a moverse con liberdade, a pé ou en bicicleta. Beneficiaranse desta obra do Plan ReacPon máis de 1.5000 crianzas do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra de Auga e Barral e o persoal destes centros. Foi precisamente a comunidade educativa do CEIP Ramiro Sabell a que se implicou activamente no proceso participativo do que naceu este camiño que transformará un espazo degradado, con beirarrúas estreitas e sen arborado nun espazo público que fomenta a autonomía infantil á vez que reduce o tráfico e a contaminación.

O traxecto que une a avenida de Galicia e a rúa das Camelias pasará a dispor dunha plataforma única que se prolongará cun ramal  ata a dos Nardos integrando ao parque Ferro Ucha. A rúa dos Nardos así como a de Forno Telleiro serán completamente peonís e entre a primeira e o acceso ao CEIP Ramiro Sabell procederase á reforma da sección viaria para mellorar a seguridade. Nesta zona plantarase preto de 200 árbores e crearse unha beirarrúa de 4,5 metros cun carril de sentido único así como un aparcadoiro unha das marxes. No acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga, entre as rúas Nardos e Feliciano Barrera, realizarase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e persoas con preferencia peonil.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 17 resultados.