Cuntis avanza na súa “transformación histórica” da man da Deputación coa mellora da Rúa da Palma e a reordenación do barrio do Espadenal

Carmela Silva: “Estas obras van supoñer un cambio total e absoluto; en sete meses non haberá quen recoñeza estes espazos”

31/05/2022

Reordenación do barrio de Espadenal  

O Concello de Cuntis dá un novo impulso á súa "transformación histórica", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, coas obras en marcha na estrada provincial EP8402 Cuntis-Cequeril (tramo da rúa da Palma) e a gran obra de reordenación do barrio do Espadenal (a mazá comprendida entre as rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González), actuacións ámbalas dúas que contan co apoio da Deputación. Carmela Silva e o alcalde, Manuel Campos, acompañados de deputados e deputadas e representantes municipais comprobaron hoxe os primeiros avances destas dúas actuacións, que totalizan un investimento que supera os 1,1 millóns de euros e que, subliñou a presidenta, "amosan o gran compromiso e o enorme esforzo con esta nova mobilidade onde as persoas son o centro".

Na rúa da Palma acaba de comezar a mellora da mobilidade deste tramo de 400 metros cun investimento de 600.000 euros, que asume ao 70% a Deputación e ao 30% o Concello. A actuación permitirá cambiar a fisonomía desta zona urbana, moi concorrida xa que amais dá servizo ao colexio e ao cemiterio, para dar prioridade ás persoas. O proxecto deseñou unha zona de convivencia nos primeiros metros, na que se disporá un espazo de arborado e zona de bancos, a obra continuará cunha vía con dous carrís de 3 metros de ancho e sendas en ámbalas marxes cun mínimo de 2,5 metros. Doutra banda, para salvar o rego da Patela disporase unha pasarela de madeira de 9 metros de lonxitude e dous metros de ancho. As actuacións inclúen tamén a execución da rede de recollida de augas pluviais e a colocación de novas luminarias led de 9 metros de altura, a renovación da rede de electricidade, a sinalización horizontal e vertical.

Como destacou Carmela Silva, "estas obras van supoñer unha transformación total e absoluta e en sete meses ninguén vai recoñecer estes espazos". Incidiu tamén na importancia da renovación das redes soterradas de saneamento e abastecemento. Neste senso, a presidenta provincial puxo en valor "o enorme esforzo" que están a facer os concellos da provincia, e máis en concreto Cuntis, por acadar uns servizos "do século XXI, que permitan reducir consumos, garantir que non haxa perdas e que sexa un servizo coas novas demandas da Axenda 2030". "A veciñanza vai vivir mellor, con espazos de máis calidade urbana e iso tenos que satisfacer moito, porque somos xa unha gran referencia a nivel galego, nacional e internacional co que estamos facendo na transformación das vilas e aí os gobernos locais son imprescindibles", engadiu a presidenta antes de recalcar que a Deputación "fai o que ten que facer, estar da man dos concellos para que teñan financiamento para poder levar a cabo o modelo de pobo que idearon, neste caso o que o alcalde e o seu goberno de Cuntis tiñan ideado para este mandato". "Este goberno local de Cuntis", engadiu, "ten un gran compromiso coa veciñanza e para isto ten que servir a política".

Pola súa banda, Manuel Campos agradeceu o apoio da Deputación "que é a única Administración, xunto á estatal e a municipal, que está a investir en Cuntis, porque "a outra" nin está nin agardamos por ela". Calculou o alcalde que as actuacións que financiarán a Deputación e o Estado no municipio termal suman nos vindeiros meses 2,2 millóns de euros, "algo que nunca se fixo". "Vai ser unha transformación total, non só do núcleo urbano, senón tamén do rural, e en sete meses vanse facer investimentos e vaise crear riqueza". "Está claro que con esta Deputación hai un antes e un despois, tanto en Cuntis como en tódolos concellos". No caso da rúa da Palma, lembrou que era unha zona na que non se actuou en 40 anos, e apuntou que tanto nesta zona como no barrio do Espadenal instalaranse puntos de recarga para coches eléctricos, "algo no que somos tamén pioneiros".

Carmela Silva e Manuel Campos, xa no barrio do Espadenal, revisaron o gran proxecto que está a executarse a través do plan provincial ReacPon, cun investimento de 578.417,76 €, dos que a Deputación aporta 496.933 € e Concello 81.484 €. Trátase, como explicou o alcalde, dunha das zonas máis poboadas do núcleo urbano "que necesitaba un cambio integral e a renovación de todos os servizos", mentres que a presidenta provincial augurou que o proxecto "será un cambio relevante e cunha mirada especial á prestación de servizos". "Trátase de dar beleza aos lugares e este proxecto está moi ben pensado e redactado". Neste senso, destacou as actuacións que se realizarán no parque infantil e as relativas as novas enerxías, en especial a recarga para vehículos eléctricos "que xa son o presente". Carmela Silva apuntou tamén a idoneidade do Plan ReacPon para facer investimentos como este nos concellos, "que non serían posibles para o mundo local sen estes recursos extraordinarios".

Un 50% máis de espazo para as persoas

A mazá do barrio do Espadenal convértese deste xeito nun ámbito con plataforma única, con absoluta prioridade peonil e no que o espazo para as persoas increméntase ata un 50% sobre o actual. O parque infantil, que contará con nova iluminación e pavimento de seguridade, amais de aparatos biosaudables no espazo que rodea á pista de xogos. Os carrís de circulación rodada limítanse todo o necesario e finalmente, todo o ámbito quedará equipado cunha nova rede de saneamento, pluviais e abastecemento. Amais, instalarase unha nova rede de alumeado, máis eficiente, reforzando a iluminación nos pasos peonís e o parque e novos elementos de mobiliario urbano, papeleiras, bancos e banco-cargador de teléfonos móbiles.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.