SmartPeme comeza xullo con catro novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación ofrece cursos de SEO e SEM, fabricación dixital, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais e utilización da ferramenta Benchmark Email

03/07/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os talleres tratarán temas como o posicionamento en motores de procura con SEO e SEM, fabricación dixital con Onshape, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais ou estratexias de email marketing con Benchmark Email.

Este luns 4 de xullo, a Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá unha formación na que ensinará a buscar as palabras clave adecuadas para un correcto posicionamento nos motores de procura que garanticen un oco no mercado online no taller “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM”.

O martes 5 de xullo, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá unha das últimas clases do obradoiro sobre fabricación dixital co programa Onshape. Neste curso en formato mixto, véñense combinando clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VII – Proxecto Final I”, ten como obxectivo coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital.

O mércores 6 de xullo, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, amosará os distintos aspectos sobre composición e deseño, ademais de diferenzas entre as imaxes que se subirán a contornas dixitais ou as imaxes que se usan para un acabado de impresión, no obradoiro “Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais”.

Finalmente, o xoves de 7 de xullo, terá lugar unha acción formativa impartida polo Enxeñeiro Informático José Luis Taboada na que se amosará o uso adecuado do email marketing á hora de promocionar os nosos produtos ou servizos, ademais das funcionalidades do email marketing a e utilización da ferramenta Benchmark Email, no curso “Optimiza a túa estratexia de email marketing con Benchmark  Email”.