O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana dúas novas accións formativas

Os obradoiroscentraranse en prácticas SEO e deseño web con Elementor

15/05/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático.  Centraranse no posicionamento SEO e no deseño de páxinas webs a través de Elementor.

Mañá martes ás 18 horas terá lugar o obradoiro “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”, no que se dará a coñecer os factores externos que afectan ás páxinas web e condicionan o seu posicionamento, así como a optimización das prácticas en SEO e a súa medición a través da analítica web para poder mellorar os resultados. Esta acción formativa será impartida por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia e traxectoria profesional asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación dixital e o márketing online.

O xoves 18 ás 12 horas comezará o obradoiro “Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor”. Elementor é un construtor gratuíto de páxina de WordPress, o que permite crear sitios web profesionais de forma doada e rápida, sen precisar coñecementos previos sobre programación e código. Este obradoiro será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e Postgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa que conta cunha ampla experiencia asesorando empresas no ámbito da comunicación e o marketing dixital.