SmartPeme imparte esta semana cinco novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico ofrece cursos de debuxo 3D , utilización de Tik Tok, creación de modelos de negocio, seguridade no comercio electrónico e fabricación dixital

29/05/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novos talleres impartidos de xeito onlinee presencial, enmarcados na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e PartStudio, usos de TikTok para empresas, modelos de negocio, ciberseguridade ou fabricación dixital con Laminador Cura.

O martes 31 de maio pola mañá, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá a cuarta parte dos obradoiros sobre fabricación dixital. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – Partstudio IV”, ten como obxectivo coñecer e familiarizarse coas ferramentas da produción dixital. Pola tarde, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller explicará, no taller “Como usar TikTok na túa empresa”, a sacarlle partido á túa marca a través dunha das plataformas máis populares do momento.

O mércores pola mañá, José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, ensinará os pasos a seguir para que unha idea se converta nun negocio, no obradoiro “Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio”.

O xoves, na quenda de mañá, mediante Zoom ou de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación, terá lugar o curso “Seguridade no comercio electrónico. Por onde comezamos?”. Un taller  impartido polos técnicos de Ednon en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade, no que se resaltará a importancia da seguridade na creación de tendas en liña, detección de ameazas ou coñecemento dos danos que poden causar os problemas de seguridade nun negocio.

Esta semana de obradoiros rematará a mañá  do venres 3 de xuño co curso “Fabricación dixital. Laminador cura II”, un novo itinerario de Fabricación dixital que complementa unha primeira parte xa impartida, e no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire. 

Enlaces de interés