Todo listo para a gran gala de “Descúbreas” na que as oito rapazas mentorizadas este ano estrean as súas carreiras musicais

Será o mércores 20 de xullo ás 20:30 horas no exterior do Pazo provincial e suporá o peche da 2ª edición do programa da Deputación e Regalamúsica

15/07/2022

Cartel gala Descúbreas  

O mércores 20 de xullo ás 20:30 horas na escalinata exterior do Pazo provincial a Deputación de Pontevedra celebra por todo o alto o final da 2ª edición de Descúbreas. A presidenta, Carmela Silva, animou a xente "a que veña e goce desta música de alto nivel con rapazas que queren construír as súas carreiras musicais", xa que será nesta gala onde se estrearán as cancións e videoclips das 8 rapazas da provincia que foron mentorizadas este ano: Sara Baños, Sara Casas, Marina Fernández, Amparo Mosquera, Alba Nogueira, Carolina Vázquez, Ane Fonseca e María Rodríguez. A gala está aberta ao público en xeral e é preciso confirmar asistencia en protocolo@depo.gal .

A finalidade de Descúbreas, proxecto da Deputación de Pontevedra e Regalamúsica, é apoderar as mozas que queren entrar na industria musical para loitar contra a fenda de xénero existente neste sector. "Apoiámolas, mentorizámolas, formámolas e estamos ao seu lado xa que os datos son terribles", sinalou Carmela Silva. "Non fai falla máis que ver a porcentaxe de bandas e artistas individuais atronadoramente masculinas mentres que nas escolas de música e conservatorios hai moitas máis mulleres, pero teñen máis dificultades para perseguir unha carreira musical", asegurou a presidenta. Os resultados do programa de mentorías da 1ª edición xa se están comezando a ver. De feito, como lembrou Carmela Silva, "este xoves Xía Rodríguez e Sara Sanmartín, que foron mentorizadas en 2021, estiveron actuando no festival Vive Nigrán, e este domingo fará o propio Eva Pico no Atlantic Fest, ademais de que as 8 participantes están sendo contratadas por numerosos concellos". Unha delas, Law (que actuou o pasado xuño en PortAmérica), será quen conduza o acto deste mércores. Por iso "animo moito a que as nenas que se queiran dedicar á música se apunten a Descúbreas", valorou a presidenta.

Na gala tamén actuará o coro de góspel de Rebeca Rods, Black Light Gospel Choir. Rods, que participou como mentora nesta edición, é cantante, compositora e produtora cunha longa traxectoria nacional e internacional. Ten realizado arranxos, dirección e gravación de coros, vídeos e xiras en directo para artistas como Alejandro Sanz, Raphael, Laura Pausini, Patti Austin ou Pastora Soler, chegando a formar parte como corista en tres ocasións en Eurovisión. O Black Light Gospel Choir levouna de xira con artistas como Alejandro Sanz ou El Barrio. Gravou catro discos e é o coro oficial de programas como Factor X, La Voz e La Voz Kids. Rebeca Rods ten traballado como vocal coach en Got Talent e realizado dobraxes para filmes de Disney/Pixar como Toy Story 3 o Brave. Formou parte dos seminarios do coro de gospel da Universidade de Yale, participou en representación de España no International Gospel Summit de Nova York e está vinculada á escola Mundo Sonoro.

Xunto con Rods tamén participaron na mentoría profesionais da industria musical como a produtora de son gañadora de 5 Latin Grammys Salomé Limón, a representante e produtora de eventos musicais Patricia Hermida, a artista Wöyza, a especialista en imaxe Andy González e tamén outras doutros ámbitos como a especialista en igualdade e coordinadora do proxecto da Deputación "Canteira de igualdade" Priscila Retamozo.

O programa de mentorías de Descúbreas é unha experiencia pioneira no ámbito estatal para mozas con carreiras artísticas incipientes, e precisamente polo seu carácter innovador recibiu a atención de proxectos como o programa de televisión de RTVE "Objetivo Igualdad" e recibiu o convite para participar no encontro máis importante de Europa e Iberoamérica de entidades que traballan contra a desigualdade na industria musical, o "Music Equality Forum". Descúbreas tamén pasou por outros eventos como o encontro de escolas musicais de Portugal "Vira Fest", a Feira Internacional de Música BIME ou os #RíasBaixasFest, onde as rapazas mentorizadas na 1ª edición están a formar parte dos carteis deste verán.

O proxecto compleméntase cun portal web que inclúe ferramentas para a visibilización das profesionais da música como un directorio de mulleres e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas, titoriais en formato vídeo e un foro para resolver dúbidas e axudar as mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical, ou os apartados de noticias e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.