A Deputación estrea “Tras as ameas” no Castelo de Soutomaior cun espectáculo de música e danza inclusiva
No concerto inaugural deste martes, 27 de xuño, que tamén forma parte do programa ‘Música no ar’, empregaranse auriculares para experimentar a música desde o silencio
26/06/2023
O castelo de Soutomaior acolle este martes, 27 de xuño, a estrea dunha nova edición de ‘Tras as ameas’, o programa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para acudir aos castelos de Soutomaior e Sobroso e vivir neles experiencias únicas. O concerto inaugural está a cargo de Javier Otero e Rut Balbís, leva por título ‘Escoitando o silencio’ e terá lugar ás 21:00 horas.
‘Escoitando o silencio’ será un concerto ao solpor de música accesible con piano, danza e auriculares silent system, unha experiencia diferencial en todo o espazo do xardín da fortaleza que, mediante o uso da tecnoloxía sen cables, suporá un exercicio sen precedentes dentro deste proxecto innovador. Nel, Javier Otero e Rut Balbís farán unha proposta artística baseada na intervención musical co obxectivo de que o silencio perdure na contorna, de xeito que o concerto de piano e electrónica con auriculares de última xeración transcorra respectando ese silencio. Polo tanto, a música e a tecnoloxía danse a man coa contorna de xeito moi especial, integrando tamén a luz e as persoas espectadoras para converter un espazo interactivo e multidisciplinar nunha experiencia difícil de explicar, pero doada de intuír. A bailarina Rut Balbís interpretará unha coreografía creada expresamente para este espazo, na que se interactuará co público e co xardín na procura de experimentar a música en directo desde o silencio.
‘Tras as ameas’ está composto por 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo e que se prolongarán ata o 29 de agosto divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).
Cinco destas 13 actividades teñen xa as prazas esgotadas: o obradoiro de arquitectura ‘Re-coñecendo o Castelo’ de Taller Abierto, o 4 de xullo no castelo de Sobroso; o taller de natureza e creatividade ‘Explorando a paisaxe’ tamén de Taller Abierto, o 6 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Rock ‘n’ magic’ do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; ‘As palabras perdidas’ de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; e as actividades de circo ‘Glamping’ de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior.
As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o obradoiro ‘Frida’ da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno ‘Caldo’ a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto ‘Silforiña’ da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense ‘Nino & Mambrú’ de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia ‘Superheroe’ de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro ‘Lingoreteira’ de Xarope Lulú en Sobroso.
A proposta de Javier Otero e Rut Balbís, ademais de supoñer o arranque desta edición de ‘Tras as ameas’, está incluída tamén dentro da programación do programa cultural ‘Música no ar’, co que a Deputación leva a música clásica e de cámara a un total de 15 importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas.