O programa da Deputación “Tras as ameas” pecha o seu ciclo de actividades co contacontos “Lingoreteira”

A última actividade do programa levarase a cabo este martes 29 de agosto da man da compañía Xarope Lulú no castelo de Sobroso, e xa conta con todas as prazas cubertas

27/08/2023

Tras as ameas - Lingoreteira Xarope Tulú

O castelo de Sobroso en Mondariz acolle este martes 29 de agosto o peche da actual edición do programa da Deputación de Pontevedra “Tras as ameas”. O espectáculo de contacontos Lingoreteira, da man de Xarope Tulú, será a encargada de poñer punto e final a este ciclo a partir das 19 horas nos xardíns da fortaleza, e xa conta con todas as prazas esgotadas.

Lingoreteira é unha homenaxe á parte máis charlatana de cada persoa que mantén viva a transmisión oral dos contos. Dirixido a un público familiar, combina a narración oral, a música e a manipulación dunha marioneta para poñer en valor a lingua mediante as historias. En escena, unha narradora e un músico fannos viaxar por novos camiños a través da música e da palabra.

Con oito anos nos escenarios, Xarope Tulú é unha compañía comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e á mocidade. As súas propostas están ligadas á narración oral, ao teatro de obxectos, á interpretación actoral e á música. Actualmente, a compañía, composta pola actriz Atenea García e polo escenógrafo e músico Nicolás Zamorano, conta con varios espectáculos en cartel coma Nómades, Rilla rilla ou Roupa tendida.

Con Lingoreteira conclúen as 13 actividades do ciclo “Tras as ameas”, unha iniciativa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que ten como obxectivo dinamizar os espazos dos castelos de Soutomaior e Sobroso a través da organización de concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos. As accións dividíronse en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas), Música con historia (concertos para público familiar), Nin príncipes nin princesas (contacontos), O teatro vén de visita (teatro de rúa), Creando no xardín (obradoiros participativos de arte), Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.