A Deputación mantén aberta ata o 12 de abril no Palacete das Mendoza a exposición “A segunda vida”, de Joaquín Moldes

Na mostra pictórica, na que o artista traballa ademais con materiais reciclados, faise unha invitación aos espectadores a deterse e mirar máis aló do evidente

04/04/2026

A Deputación de Pontevedra ten aberta ata o vindeiro 12 de abril a exposición “A segunda vida”, do pintor sanxenxino Joaquín Moldes. Na mostra, que se pode visitar no Palacete das Mendoza, o artista convida aos espectadores a deterse e mirar máis aló do evidente, un traballo para o que emprega materiais reciclados para darlle “unha nova existencia a aquilo que parecía esgotado.

Joaquín Moldes reflexiona en “A segunda vida” sobre os mundos paralelos que nos rodean e, a través de pinturas e esculturas, constrúe un universo simbólico no que os rostros, os corpos fragmentados e as figuras en tensión falan da dor colectiva, da identidade e tamén da resistencia. Porque, en palabras do artista “sempre é posible unha segunda vida: na materia, na memoria e en nós mesmos”.

A exposición “A segunda vida” pode visitarse na sala de exposicións do Palacete ata o 12 de abril no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.