A Deputación ultima os días para solicitar as dúas liñas de axudas para o fomento do turismo, que ascenden a 180.000 €

Trátanse das axudas dirixidas ao fomento do turismo deportivo, dotadas con 100.000 €, e ao impulso de actividades turísticas, cun orzamento de 80.000 €. O prazo finaliza o 6 de maio

29/04/2026

A Deputación de Pontevedra ultima os días para solicitar dúas liñas de axudas para o fomento do turismo que ascenden a 180.000 €. Trátanse das axudas para o fomento do turismo deportivo, dotadas con 100.000 euros, e as dirixidas a impulsar actividades turísticas, cun total de 80.000 euros. En ambos casos, o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 6 de maio.

As axudas para o fomento do turismo deportivo, que se concederán por concorrencia competitiva, permitirán seguir impulsando eventos deportivos que contribúan á proxección turística do territorio, que este ano tense convertido no eixo central da campaña de Rías Baixas. Deste xeito, a través destas axudas, das que o pasado ano se beneficiaron 24 entidades de 15 concellos para poñer en marcha iniciativas como marchas cicloturísticas, carreiras nocturnas, travesías a nado, probas BTT e trails, regatas ou eventos como a Gladiator Race, o organismo provincial concederá ata 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos de organización ou do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario ou equipos técnicos.

No caso das axudas para actividades turísticas, que tamén se concederán por concorrencia competitiva, permitirán financiar experiencias singulares, a organización de eventos ou actividades relacionadas co fomento da calidade e, ao igual que a anterior, tamén concederá ata un máximo de 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos como o do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario e equipos informáticos. O pasado ano beneficiáronse destas axudas 18 entidades de 15 concellos para poñer en marcha xornadas e simposios sobre turismo, plans de desestacionalización, iniciativas de turismo astronómico e enoturismo ou actividades de promoción.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.