A Deputación solicitará a certificación Starlight para os Castelos de Sobroso e Soutomaior e lograr que se consoliden como referencias de astroturismo trala eclipse

Ambos recintos converteranse en escenarios para a observación da eclipse do 12 de agosto

10/04/2026

A Deputación solicitará a certificación Starlight para os Castelos de Sobroso e Soutomaior e lograr que se consoliden como referencias de astroturismo trala eclipse

A Deputación de Pontevedra avanza no impulso do produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas e organiza este mes de abril dúas xornadas formativas para impulsar a xestión ordenada do astroturismo e coordinar ao sector co gallo da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. “Ser, como son as Rías Baixas, un lugar privilexiado en España para visionar o acontecemento supón tamén un esforzo de planificación e divulgación, primeiro cos axentes, e logo cos cidadáns e turistas”, asegurou o presidente.

Deste xeito, e da man da Fundación CEO, os días 20 e 30 de abril terán lugar dúas xornadas formativas co sector e co persoal técnico de turismo, respectivamente. Nas sesións afondarase na seguridade, achegando información rigorosa sobre o emprego das gafas ou os momentos clave da eclipse. Tamén se analizará, xunto con propietarios de hoteis, hostais e cámpings da provincia, cuestións como a posibilidade de ver a eclipse dentro dos xardíns ou espazos dos seus establecementos, de xeito que non se colapsen accesos ou espazos públicos.

Paralelamente á organización das xornadas, a Deputación de Pontevedra está a traballar para que os Castelos de Soutomaior e de Sobroso reciban a certificación Starlight como puntos de observación do ceo e o firmamento e, con elo, “se convertan para sempre en puntos de referencia do astroturismo”, asegurou o presidente. Ademais, en ambos recintos está previsto organizar dous eventos de observación da eclipse do 12 de agosto.

A Deputación de Pontevedra está a preparar material que tamén porá a disposición das oficinas de turismo con información clara, práctica e homoxénea para a observación do acontecemento. E, nestes momentos, son xa 40 os concellos que se sumaron á iniciativa provincial Baixo o ceo das Rías Baixas, achegando puntos de observación para poder seguir a eclipse en agosto.

audios