A Deputación organiza este xoves en Forcarei a xornada “Baixo o Ceo das Rías Baixas. Astroturismo, eclipse solar e defensa da noite” dirixida a persoal técnico de turismo
A sesión, que será inaugurada polo deputado de Turismo Jesús Vázquez Almuíña, contará con expertas en astronomía que explicarán cuestións relacionadas coas certificacións Starlight, a contaminación luminosa e o fenómeno da eclipse solar do 12 de agosto
26/04/2026
Coincidindo co día no que o sol se atopará nunha situación semellante ao 12 de agosto, día da eclipse solar, a Deputación de Pontevedra organiza este xoves, 30 de abril, en Forcarei, a xornada “Baixo o Ceo das Rías Baixas. Astroturismo, eclipse solar e defensa da noite” dirixida a persoal técnico de turismo dos concellos da provincia. A sesión, que será inaugurada polo deputado de Turismo Jesús Vázquez Almuíña, contará con expertas en astronomía que explicarán cuestións relacionadas coas certificacións Starlight, a contaminación luminosa e o fenómeno da eclipse solar do 12 de agosto. Ademais, a xornada culminará cunha práctica in situ de observación solar da man da Fundación Ceo no Observatorio Astronómico de Forcarei.
A xornada comezará ás 17:15 horas coa inauguración da xornada no Salón de Actos de Forcarei, a cargo do deputado de Turismo Jesús Vázquez Almuíña e da alcaldesa do concello e tamén deputada provincial Belén Cachafeiro, acompañados do presidente do Clúster de Turismo de Galicia Cesáreo Pardal. Pola súa banda, a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, avanzará os traballos que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra para que os castelos de Soutomaior e Sobroso sexan declarados monumentos Starlight, así como detallará a colaboración cos concellos dentro do produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas.
Ao longo da xornada, terá lugar unha sesión sobre as certificacións Starlight, as súas modalidades e os seus beneficios, a cargo de Antonia Varela, directora da Fundación Starlight que se conectará telematicamente. Ademais, a catedrática de astronomía e astrofísica da Universidade de Vigo, Ana Ulla, analizará as certificacións Starlight na provincia de Pontevedra, detallará cuestións relacionadas co trío de eclipses en España dos anos 2026, 2027 e 2028, así como explicará os efectos sobre a saúde e os ecosistemas da contaminación luminosa, os seus custes económicos ou as medidas a implantar para que a iluminación artificial nocturna sexa respectuosa coa contorna.
Pola súa banda Cintia Cabada, da Fundación Ceo, centrarase na eclipse solar do 12 de agosto e o seu contexto, dando pautas sobre a observación diúrna e as súas peculiaridades e tamén sobre a seguridade ocular nas observacións solares. Finalmente, ás 20:00 horas, haberá un desprazamento desde o Salón de Actos do Concello de Forcarei ao Observatorio Astronómico da vila para realizar unha práctica in situ de observación solar da man da Fundación Ceo.