A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia avanzan na declaración do Camiño de Taverneiro como Vía Cultural

A deputada de Turismo, Nava Castro, presentou en Patrimonio un estudo previo para que a Dirección Xeral poida analizar a característica orixinal recoñecible do camiño que se esixe para ser declarado Vía Cultural

30/11/2023

A deputada de Turismo, Nava Castro, xunto coa alcaldesa de Salvaterra de Miño

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia avanzan na declaración do Camiño de Taverneiro como Vía Cultural. A deputada de Turismo, Nava Castro, xunto coa alcaldesa de Salvaterra de Miño –un dos seis concellos polos que atravesa a ruta cara a Compostela ademais de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Pazos de Borbén, Ponteareas e Ponte Caldelas– presentou en Patrimonio un estudo previo para que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poida analizar a característica orixinal recoñecible do Camiño que se esixe para ser declarado Vía Cultural.

Xunto ao estudo previo a deputada provincial tamén entregou en Patrimonio unha copia dos acordos plenarios aprobados nos seis concellos da provincia polos que atravesa o Camiño de Taverneiro coa proposta para incoar o expediente para declarar a ruta como Vía Cultural.  “Existe –asegurou a deputada– unha proposta conxunta de seis concellos para obter esta distinción e impulsar, deste xeito, a promoción e divulgación dunha ruta que ofrece un patrimonio cultural, relixioso e cultural moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros”. Castro engadiu que “traballar unidos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito, así que agardamos que esta ruta, cuxo trazado é froito de moita investigación e documentación, consiga ser declarado Vía Cultural e poidamos seguir avanzando no posicionamento da provincia de Pontevedra como destino de referencia en torno aos camiños a Santiago”.

A partir de agora, Patrimonio analizará a documentación para estudar a característica turística e cultural orixinal e recoñecible da ruta e iniciar así o procedemento para a súa declaración como Vía Cultural. “O Camiño de Taverneiro –asegurou Nava Castro–   cumpre á perfección todas as condicións para obter a declaración de Vía Cultural, ao contar con 30 igrexas, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e unha ampla lista de contornas culturais e naturais ao longo do seu percorrido”.

A ruta débelle o seu nome a Ignacio Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas, que faleceu en 1784 na Estrada despois de realizar o traxecto. Conta con cinco etapas entre Salvaterra de Miño e  Santiago de Compostela, cun total de 130 quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, tanto a pé coma a cabalo ou en bicicleta. A primeira destas etapas, de 24 quilómetros, arranca en Salvaterra de Miño e discorre ata Padróns (Ponteareas), á que lle segue unha segunda de 26 quilómetros desde este lugar ata Ponte Caldelas. A partir deste punto continúa nunha terceira etapa de 25 quilómetros ata Pedre (Cerdedo-Cotobade), a cuarta (24 km), entre Pedre e A Estrada, e, por último, desde este concello sae a quinta etapa, de 31 quilómetros cara a Santiago de Compostela.