A Deputación de Pontevedra apoia a declaración do Camiño de Taverneiro como vía cultural

A deputada de Turismo, Nava Castro, enxalza a proposta conxunta dos seis concellos da provincia por onde pasa a ruta para obter esta distinción: “Sumando accións coma o impulso deste novo itinerario seguimos a posicionarnos como destino de referencia” 

26/09/2023

Camiño taverneiro

A deputada provincial de Turismo, Nava Castro, referendou hoxe nun acto no palacete das Mendoza o apoio da Deputación de Pontevedra á proposta conxunta dos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Salvaterra de Miño, Pazos de Borbén, Ponteareas e Ponte Caldelas para solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración do Camiño de Taverneiro como vía cultural. Con esta iniciativa, os municipios polos que discorre este novo itinerario estreado o pasado ano buscan impulsar a promoción e a divulgación dunha ruta que, como subliñou Castro, “ofrece un patrimonio cultural e relixioso moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros”.  Neste acto, a deputada e tamén alcaldesa de Ponteareas estivo acompañada de Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial de Cooperación, así como de Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño; Xosé Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, e  Juan Manuel Constenla, tenente de alcalde da Estrada.

Na súa intervención, Nava Castro destacou a importancia desta iniciativa “que une seis concellos desta provincia arredor da cultura, do patrimonio e tamén da proxección turística que vai supoñer xa contar con este novo camiño cara a Compostela”, e indicou que “traballar unidos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito. E hoxe estamos a dar xuntos estes primeiros pasos para que esta nova ruta, cuxo trazado é froito de moita investigación e documentación, se coñeza, se divulgue e se lles amose ás persoas que o camiñen o grande atractivo que ten a nosa provincia no seu interior”; “Pontevedra é desfrutar! Por iso suxerimos esta nova alternativa. Sabemos que temos unha oferta paisaxística, gastronómica, cultural e patrimonial moi difícil de igualar, e sumando accións coma o impulso deste novo itinerario seguimos a posicionarnos como destino de referencia arredor dos camiños a Santiago”.

A deputada provincial remarcou que “esta vía cumpre á perfección todas as condicións para obter a declaración de vía cultural”, e destacou a presenza de trinta igrexas, catorce petos de ánimas, numerosos cruceiros e una ampla lista de contornas culturais e naturais ao longo do seu percorrido. Neste sentido, Castro amosou o compromiso da institución “coa terra, coa cultura, coas tradicións e coa nosa identidade” e incidiu en que para a Administración provincial “é unha obriga seguir a impulsar todas aquelas accións que nos poñen en valor, nos promocionan e nos sitúan no mundo” coma a nova proposta do Camiño de Taverneiro, e lembrou que desde Turismo Rías Baixas estase a traballar para divulgar e dar a coñecer todos e cada un dos camiños xacobeos que pasan pola provincia.

O Concello de Salvaterra de Miño xa aprobou a proposta para dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a fin de que incoe o expediente para a declaración de vía cultural e esta mesma tarde Ponteareas levará este asunto ao seu pleno, de xeito que a idea é que a próxima semana estean aprobadas as propostas polas corporacións dos seis concellos. Este é o primeiro paso para as conversas coa Xunta, nas que se quere implicar tamén as e os investigadores que recuperaron a ruta. Ademais, Nava Castro emprazou as e os representantes municipais a unha presentación conxunta do Camiño de Taverneiro na próxima edición da feira Fitur en Madrid.

Durante o acto, amosouse a guía que Carlos da Barreira e Luis Ferro elaboraron sobre esta nova ruta. Camiño de Taverneiro. Guía do peregrino ofrece en 185 páxinas a cor toda a información detallada sobre a ruta: distancias, lugares para durmir e datos sobre o patrimonio natural e cultural, así como datos etnográficos para as persoas que decidan facer esta ruta, que debe o seu nome a Ignacio Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas que faleceu en 1784 na Estrada, despois de realizar o percorrido. Nesta mesma liña, a deputada provincial salientou o arduo traballo de investigación promovido por ambos os autores para recuperar esta ruta: “Estamos a ver, grazas ao traballo de moitos colectivos e moitos investigadores e expertos, que existen outras vías, descoñecidas ata tempos recentes e que, coma esta, tamén foron utilizadas, polo hai que impulsalas, promovelas e dalas a coñecer”, apuntou.

O camiño conta con cinco etapas entre Salvaterra de Miño e Santiago de Compostela, cun total de 130 quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, que o fixeron tanto a pé coma a cabalo ou en bicicleta. A primeira destas etapas, de 24 km, arranca en Salvaterra de Miño e chega ata Padróns (Ponteareas), á que segue unha segunda, de 26 km, desde este lugar ata Ponte Caldelas. A partir deste punto continúa nunha terceira etapa, de 25 km, ata Pedre (Cerdedo-Cotobade), a cuarta, de 24 km, entre Pedre e A Estrada e, por último, desde este concello sae a quinta etapa, de 31 km, cara a Santiago de Compostela.

Galerias de imaxes

audios