O Pazo Provincial presenta mañá sábado o libro ‘Xosé Velo. Textos Escollidos’ co material inédito do ‘libertador’ adquirido pola deputación

Estrearase tamén un documental sobre o secuestro do buque Santa María, feito que fixo que Kennedy abordase as ditaduras de Franco e Salazar  no seu primeiro discurso como presidente dos EE UU. A entrada é libre ata completar capacidade

22/04/2022

Xosé Velo  

Coincidindo co Día do Libro e ao abeiro do aniversario de Xosé Velo -celebrado o pasado xoves 21- o Pazo Provincial da Deputación en Pontevedra acollerá mañá sábado a presentación do libro 'Xosé Velo.Textos escollidos', unha escolma de escritos inéditos do dirixente antifranquista seleccionados de entre todo o material adquirido recentemente pola institución provincial.

O obxectivo da Deputación con este acto é rescatar e divulgar a memoria da figura de Velo, un home que se alzou no seu momento contra as ditaduras da península (con Franco á fronte do goberno de España e Salazar á fronte de Portugal) nun proxecto singular: o secuestro do buque Santa María, convertido no Santa Liberdade, que provocou que Kennedy fixera alusión á situación política ibérica no seu primeiro discurso como presidente dos EE UU

O acto, contará tamén coa estrea do documental 'Xosé Velo. O libertador ibérico', financiado pola Deputación baixo a dirección de Arraianos Producións. Será no salón de Plenos da Deputación de Pontevedra ás 11.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade. Haberá participación musical de 'aMar&Dar' que iterpretarán temas do espectáculo 'Cantar Abril' do Zeca Afonso.

As negociacións para dispoñer do arquivo de Pepe Velo que deron lugar ao libro e ao documental pecháronse a finais de 2019 por parte da Deputación coa mediación de Aser Álvarez. O material non chegou a Pontevedra ata case entrado o confinamento e dende entón fíxose un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados en aberto tamén a través do portal documental 'Atopo' por persoal investigador.