SmartPeme imparte esta próxima semana cinco novos obradoiros

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre impresión 3D, desenvolvemento da túa propia estratexia de email márketing turístico, Google Adwords, iniciación ao SEO e fabricación dixital

08/05/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con filamento, o desenvolvemento da túa propia estratexia de email márketing turístico, Google Adwords como entendelo e crear campañas eficaces, iniciación ao SEO e fabricación dixital con debuxo 3D.

O martes 10 e o xoves 12 o encargado de dirixir os obradoiros será Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. Ambos talleres constan de 50 horas de duración e inclúense no novo formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O primeiro, "Fabricación dixital. Impresoras de Filamento" ten como obxectivo e dar a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital deseñando pezas en 3D. O segundo, "Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape II - Partstudio II" complementará a formación da semana anterior na utilización deste software 3D. O martes, na quenda da tarde, o curso "Desenvolve a túa propia estratexia de email márketing turístico" centrarase en aprender como dar a coñecer a túa empresa, os teus servizos e valores mediante o correo electrónico e tamén, coñecer as vantaxes de esta técnica, mellorar o deseño e medir o impacto das diferentes campañas. A condutora desta formación será Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago.

O mércores 11, pola mañá, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará sobre "Google Adwords, como entendelo e como crear campañas eficaces I" . Google Ads é un programa de publicidade en liña de Google que permite crear anuncios para alcanzar ao teu público obxectivo e traballar no posicionamento SEM. Pola tarde, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, impartirá o obradoiro "Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos" . Nel tratará de achegar os conceptos básicos que compoñen o SEO e amosará o proceso de transformación dun sitio web para mellorar o seu posicionamento nos principais buscadores aumentando o tráfico de usuarios ou clientes.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 17 resultados.