A Deputación abre o prazo para participar na 10k entre A Illa e Vilanova de Arousa, que estreará o circuíto deportivo Entre Pontes Trail & Running o 20 de setembro
Javier Tourís presentou en Vilanova de Arousa a xornada, que ademais da proba contará cunha andaina e unha carreira infantil para un máximo de 800 participantes, ademais dunha zona gastronómica con food trucks ao remate das actividades
05/08/2026
O deputado provincial Javier Tourís presentou este mércores na estación marítima de Vilanova de Arousa a primeira proba do novo circuíto provincial Entre Pontes Trail & Running. Esta nova gran experiencia deportiva deseñada pola institución provincial comezará o domingo 20 de setembro coa carreira 10k que terá lugar entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, partindo desde a ponte do concello insular ata o porto vilanovés nunha proba cronometrada cun desnivel acumulado de 33 metros. O deputado, que na presentación estivo acompañado da directora de Deportes, Xisela Aranda, tamén informou da apertura do prazo de inscrición nas actividades, que xa se pode realizar a través do sitio web institucional depo.gal.
Javier Tourís lembrou que Entre Pontes Trail & Running está formado por “seis xornadas, das cales tres serán carreiras 10k, e tres trails de 14 quilómetros”. Todas elas irán acompañadas “dunha andaina popular e dunha proba para a rapazada, porque queremos que sexa unha actividade da que poida desfrutar toda a familia”, e ao rematar “teremos unha zona de food trucks para gozar da nosa gastronomía”. O máximo de participantes na 10k entre A Illa e Vilanova de Arousa, así como a do resto de probas, será de 500 persoas, mentres que outras 150 poderán participar na andaina e na carreira infantil: 800 persoas en cada xornada.
O deputado sinalou que as probas “continuarán entre outubro e novembro en Vigo, Gondomar, Cerdedo Cotobade, Pontevedra e Moaña; é dicir, ao longo de todo o territorio pontevedrés, porque precisamente un dos obxectivos que busca esta proba é achegar o deporte ao territorio e descubrir a provincia a través do trail e da carreira”. Tourís tamén sinalou que os obxectivos de Entre Pontes Trail & Running pasan pola “descentralización das actividades, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza”.
Deste xeito, “con Entre Pontes Trail & Running continuamos a nosa aposta por converter a provincia de Pontevedra na provincia do deporte, e iso pasa polo apoio a deportistas, pola colaboración con entidades deportivas, pola mellora das instalacións e polo impulso á organización de grandes eventos deportivos”.
Todas as probas serán de balde e continuarán o 12 de outubro cun trail en Vigo, o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematarán o 29 de novembro en Moaña cunha proba de trail.
