A Deputación aproba 380.000 euros para impulsar melloras en vías municipais e actividades sociais en Arbo, Gondomar e O Porriño no marco do Plan +Provincia

Arbo recibirá 142.000 € para a ampliación de dúas vías municipais nos lugares de Godón e Pazos, mentres que Gondomar obterá 146.000 € para os servizos de roza e perfilado de camiños municipais e O Porriño 91.000 € para un programa social

29/05/2026

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de 380.000 euros no marco do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Arbo, Gondomar e O Porriño. O presidente sinalou que os recursos aprobados na sesión, dos que tamén se benefician os concellos de Catoira, O Grove e Valga, permitirán poñer en marcha actuacións de “mellora dos servizos públicos, de modernización dos espazos municipais, de atención ás persoas que o necesitan e de dinamización da vida sociocultural dos municipios”. O Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros.

O Porriño recibirá 91.000 € na liña de gasto corrente para financiar un programa de actividade social composto por tres medidas: un programa de apoio e reforzo escolar a menores en desvantaxe, outro de formación académica a familias en risco de exclusión social, e o programa de dinamización para persoas maiores “Tempo para nós”.

Gondomar recibirá 146.000 € tamén na liña de gasto corrente para financiar os servizos de roza e reperfilado  de camiños municipais, que inclúen a roza manual, medidas de seguridade e sinalización, a xestión de residuos vexetais e outras operacións auxiliares para manter en bo estado a rede viaria de titularidade municipal.

Pola súa banda, Arbo recibe dúas achegas que suman un total de 142.000 €. A primeira delas, por valor de 66.000 €, financiará a ampliación da vía e a rede de saneamento en Godón. Facilitarase a accesibilidade e a mobilidade das persoas e dos vehículos, ampliarase a sede de saneamento e tamén se canalizarán as augas superficiais mediante a formación e revestido de cunetas. Unha segunda axuda de máis de 75.000 € financiará a terceira fase das obras de ensanche e mellora de acceso no lugar de Pazos. Anchearase a plataforma para que poidan circular vehículos en ambos os dous sentidos de circulación e substituiranse os muros de contención para adaptalos ás novas características da vía. O resultado será unha vía máis funcional e máis segura, xa que na actualidade é moi estreita e perigosa.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.