A Deputación recibe máis de 40 candidaturas para optar ao I Premio Castelao de Textos Teatrais en lingua galega
O xurado reunirase no aniversario do nacemento de Castelao, o 29 de xaneiro de 2026, para decidir o texto ao que se lle outorgará o premio dotado de 12.000 €
29/12/2025
A Deputación de Pontevedra celebra o grande éxito de convocatoria do I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación, para o que se recibiron un total de 43 candidaturas tras o peche do prazo de recepción de textos o pasado 31 de outubro. Ao abeiro desta iniciativa, a Deputación outorgará un único premio dotado de 12.000 euros e o fallo producirase o próximo 29 de xaneiro de 2026, na data do aniversario do nacemento de Castelao.
O I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación é unha iniciativa que coincide coa conmemoración do 75 aniversario do falecemento do escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O xurado, que está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario de Galicia ademais do secretario da administración provincial, terá que valorar os traballos que incluían requisitos como estar escritos en lingua galega de acordo coa normativa da Real Academia Galega e ter unha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos).
As propostas, totalmente anónimas baixo o sistema de plica, tampouco podían ter recibido ningún premio noutros certames nin ter sido xa levadas á escena. Ademais do premio en metálico, inclúese tamén a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra, ata un máximo de 800 exemplares.
O obxectivo do I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra é fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da provincia. O premio tamén busca incentivar e lembrar a creación dramática en lingua galega e a figura do dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, así como incidir de forma directa na participación e na promoción da lingua galega.