A Deputación destina 90.000 euros á construción dunha pista de pádel en Arbo

Trátanse, tal e como explicou o presidente Luis López, de recursos do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que inxectará 8 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

20/02/2026

Xunta de goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres destinar 90.000 euros ao Concello de Arbo no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID). Trátase de todos os recursos dos que dispoñe na actual convocatoria deste plan extraordinario a localidade e, con eles, vai financiar unha nova pista de pádel cuberta en Chan.

Desta maneira, os 90.000 euros que recibe Arbo teñen como obxectivo dotar a zona na que se localizan as instalacións deportivas municipais dunha nova pista de pádel cuberta. Previamente será necesario facer traballos de preparación do terreo, executar un muro de contención, a cimentación da pista e a cuberta e as conexións das instalacións asociadas. A continuación instalaranse a cuberta e a pista de pádel, que contará con céspede artificial de última xeración e proxectores led.

Luis López sinalou que o terceiro PEID “está dotado de 8 millóns de euros para seguir avanzando nesa provincia do deporte que tanto ansiamos desde o goberno da Deputación”. Con estes recursos, “os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotalas de equipamento ou adquirir terreos para uso deportivo”, lembrou o presidente provincial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.