A Deputación de Pontevedra recibirá este venres a visita dos Reis Magos

O vicepresidente Rafa Domínguez recibirá as súas maxestades ás 17:00 horas diante do Pazo provincial, e subirán ao Salón de Plenos para recoller as cartas dos nenos e nenas

29/12/2025

Visita dos Reis Magos

Despois de que a comezos deste ano a Deputación de Pontevedra recibise a visita dos Reis Magos por primeira vez na súa historia, Melchor, Gaspar e Baltasar volverán visitar o Pazo provincial este venres 2 de xaneiro nunha cita aberta a toda a rapazada da cidade e da provincia de Pontevedra.

A visita comezará ás 17:00 horas diante do Pazo provincial, onde serán recibidos polo vicepresidente Rafa Domínguez e demais integrantes do goberno provincial. A continuación, dirixiranse ao Salón de Plenos para acomodarse e recibir os nenos e nenas que se acheguen ao Pazo para recoller en persoa as súas cartas. Ademais, entregaránselle caramelos e poderán tomar rosca con chocolate.

As persoas que se acheguen ao Pazo provincial tamén poderán desfrutar da decoración de Nadal, que este ano xira arredor do lema "Un Nadal que saia do noso interior", integrada por especies vexetais autóctonas da provincia, do Pazo provincial e os demais edificios provinciais. Con isto, a Deputación quere lembrar a importancia do interior xeográfico e dos nosos montes, tan afectados este verán polos lumes. Ademais, o Pazo e os xardíns están iluminados con 250.000 luces eficientes.

No interior do Pazo tamén se pode visitar a exposición de adornos de Nadal artesanais da colección ViCo. Está formada por seis vitrinas que amosan parte das 1.200 pezas que compoñen esta colección, con elementos procedentes de diferentes países de Europa que xa foron expostos en diferentes museos de España e Portugal.