A Deputación pon en valor a figura de Juana de la Cruz Domínguez este mércores no Porriño no faladoiro da nova edición do programa provincial Aquí faltan páxinas
A actividade terá lugar no Salón de Plenos do Concello do Porriño ás 19:00 horas e nela participará a deputada de Igualdade Paula Bouzós e a propia protagonista, Juaniña
18/11/2025
O Salón de Plenos do Concello do Porriño acolle este mércores, 19 de novembro ás 19:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, asistirá a esta actividade na que a protagonista será Juaniña, Juana de la Cruz Domínguez, e os seus cen anos de paixón pola costura.
A propia Juaniña, memoria viva do Porriño e que neste 2025 con motivo do seu centenario foi homenaxeada polo Concello cun nome nunha rúa situada moi preto do seu taller, será a encargada de contar a súa historia coa enerxía e sentido do humor que a caracteriza. A muller, símbolo de vitalidade e moi querida e popular na vila, da que chegou a ser pregoeira das Festas do Cristo no 2024, contará o seu vínculo coa costura e a súa gran paixón polo mundo da moda, en especial polos deseños de alta costura de grandes firmas.
A traxectoria profesional de Juaniña comezou cando tiña 9 anos e aos 13 inaugurou o seu primeiro taller na casa familiar, onde formou a decenas de mozas que seguiron o seu mesmo camiño. Tamén desde alí confeccionou deseños únicos para clientas de toda Galicia, réplicas de modelos icónicos e creacións inspiradas nos grandes modistos como Balenciaga, Chanel ou Christian Dior. Ao longo das décadas, o seu taller foi un referente de creatividade pero tamén destacou pola inmensa xenerosidade de Juaniña, que mesmo cosía para familias humildes sen cobrar.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Xa se organizou un faladoiro sobre as alfombristas e, tralo que terá lugar esta semana no Porriño centrado en Juaniña, seguirán outros moitos para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, das nais contra a droga, da primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.