A Deputación lembra a primeira alcaldesa de Galicia este mércores en Portas no faladoiro da nova edición do programa provincial Aquí faltan páxinas

A actividade terá lugar na Casa da Cultura ás 19:00 horas e nela homenaxearase a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias

29/11/2025

A Casa de Cultura de Portas acolle este mércores, 3 de decembro ás 19:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Neste caso, a protagonista da actividade será Concepción Pérez Iglesias, quen foi a primeira alcaldesa de Galicia e  simboliza o acceso das mulleres á política nunha época marcada pola ditadura de Primo de Rivera.

María de la Concepción Pérez Iglesias, nada en Santiago de Compostela e coñecida como Dona Concha, trasladouse en 1907 a Portas para dirixir a escola feminina. Alí casou con Amador Méndez Santamaría, un adiñeirado emigrante retornado, con quen tivo un fillo e estableceu a súa vida na parroquia de Lantaño. Logo do golpe de estado de Primo de Rivera, permitíuselles votar e acceder á vida pública ás mulleres cabezas de familia, sendo Concha proposta para unirse ao goberno local como edil. De forma inesperada, durante o pleno da súa toma de posesión como concelleira o 9 de xaneiro de 1925, convértese na primeira alcaldesa de Galicia, escollida pola corporación municipal trala renuncia do alcalde anterior. Durante os cinco anos do seu mandato impulsou a construción de catro escolas, mellorou as comunicacións locais e fixo posible o nomeamento dun médico e dunha matrona para a vila.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, as Nais contra a Droga e este centrado en Concepción Pérez Iglesias, seguirán outros moitos para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.