Luis López adianta que a Deputación destinará neste 2026 900.000 € para apoiar festivais musicais e de artes escénicas e para a programación cultural nos concellos a través do +Música

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou destinar 200.000 €, 30.000 € máis que no 2025, para o impulso de festivais musicais e de artes escénicas e 700.000 € para colaborar cos concellos de menos de 50.000 habitantes na súa programación cultural

06/02/2026

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar que a Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou liñas de axudas e programas dotados con 900.000 € para "seguir avanzando na difusión e promoción da cultura, contribuíndo a que chegue a toda a nosa veciñanza". Ao detalle, 200.000 €, 30.000 € máis que no 2025, irán dirixidos ao desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas e 700.000 € ao programa +Música e súmanse aos 200.000 € aprobados a semana pasada para a promoción dos festivais audiovisuais. "Nunha semana -subliñou López- 1,1 millóns de euros para o impulso da cultura".

A través do +Música os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar ata 3 espectáculos, seleccionando por orde de preferencia entre a oferta disposta no catálogo dispoñible na web da Deputación de Pontevedra. Os espectáculos deberán desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro e o organismo provincial cubrirá o 100% do caché, mentres que os concellos aboarán os gastos de produción das actuacións (son, luz, escenario, etc.).

"Sentímonos moi orgullos de +Música -subliñou Luis López-, un programa que o pasado ano promoveu 78 actuacións nos concellos con grupos como A Banda da Loba, Ortiga, Boyanka Kostova, Lontreira, Budiño, Dakidarría, De Vacas, Luar na Lubre, Mercedes Peón, Milladoiro, Rosa Cedrón, Susana Seivane ou Uxía".

Axudas para festivais musicais e de artes escénicas

Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou a liña de axudas para festivais musicais e de artes escénicas, dotadas con 200.000 €, 30.000 máis que o pasado ano. Estas axudas contan con dúas liñas: a dirixida a festivais musicais, dotada de 150.000 €, sempre que se celebren durante este ano, como mínimo en dúas xornadas e con 8 grupos, dos que 4 serán galegos; e a dirixida a festivais de artes escénicas, dotada con 50.000 € e tamén para eventos que se celebren en dúas xornadas, con 8 compañías das que 4 serán galegas.

Neste caso, o pasado ano estas axudas provinciais distribuíron 170.000 € entre 16 festivais musicais e de artes escénicas da provincia como o Xacobeo Percute e Desfoga (Cambados); As Nosas Músicas (A Estrada); o Galaico Brass Festival e o FIP Merza Percusión (Vila de Cruces); a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Kanekas Metal Fest (os dous de Cangas do Morrazo); The Wild, Encordass Fiddle Fest Grecia, Festival Vertixe 13 e o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente (Vigo); O Rosal Cámara Fest (O Rosal); o Festival Rock in Río Tea (Ponteareas); o Festival Internacional de Títeres de Redondela e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela), e o Sementeira (Salvaterra de Miño).

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.