A Deputación ultima o prazo de solicitude das axudas ao desenvolvemento de proxectos en países empobrecidos

As ONGD (Organizacións Non Gubernamentais para o Desenvolvemento) recibirán un total de 45.000 euros para contribuír a obxectivos como a erradicación da pobreza, a igualdade, a defensa da sostibilidade ambiental ou o respecto pola diversidade cultural

14/04/2025

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para que as ONGD (Organizacións Non Gubernamentais para o Desenvolvemento) presenten as súas candidaturas á liña provincial de axudas de cooperación ao desenvolvemento, nas que as entidades teñen de prazo ata o próximo 21 de abril para presentar os seus proxectos a realizar en países empobrecidos durante o 2025. Estas axudas están dotadas de 45.000 euros e con elas a Deputación manifesta o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos.

Está previsto que acaden financiamento tres programas de cooperación ao desenvolvemento que promovan proxectos sociais aliñados coa Axenda 2030, un por entidade, e cun máximo de 15.000 € cada un. As iniciativas deberán contribuír á erradicación da pobreza, á igualdade de xénero, á defensa da sostibilidade ambiental e á loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado nos dereitos humanos, ao respecto pola diversidade cultural e a promoción da interculturalidade ou á loita contra as desigualdades.

Terán prioridade os proxectos desenvolvidos nos 11 países considerados xeograficamente estratéxicos da África Subsahariana (Cabo Verde-Guinea-Bissau e Mozambique), América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú) e O Caribe (República Dominicana). Tamén aqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias, ademais de aqueles nos que a cooperación galega demostre unha ampla experiencia de traballo e nos considerados países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo.

Poden optar ás axudas provinciais as ONGD inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta de Galicia na sección A, con domicilio social ou delegación permanente na provincia, sen ánimo de lucro e que realicen actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre pobos, entre outros requisitos. Os proxectos uniranse aos nove financiados nas últimas convocatorias, entre eles os da Asociación Amigos da Terra, a Asemblea de Cooperación pola Paz e Solidariedade Internacional de Galicia, que o pasado ano financiaron con recursos provinciais iniciativas en Honduras e O Salvador.