A Deputación activa as axudas destinadas aos clubs deportivos da provincia e federacións para a organización de competicións deportivas na provincia, dotada con 550.000 euros

As axudas, que este ano contan cun orzamento 50.000 euros maior que no 2024, poden solicitarse desde este luns 10 de marzo a través da sede electrónica da institución provincial

09/03/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as axudas destinadas aos clubs deportivos da provincia e federacións autonómicas e españolas para posibilitar a organización de competicións deportivas na provincia durante o 2025.  Esta liña está dotada con 550.000 euros, 50.000 euros máis que no 2024, e as axudas poden solicitarse desde este mesmo luns, 10 de marzo, a través da sede electrónica da institución provincial.

Estas axudas distribúense en 300.000 euros para a organización de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional, encadradas nas tipoloxías de campionato ou copa de España, de Europa ou do Mundo, e tamén competicións ou eventos deportivos de ámbito internacional (nas que está aberta a participación a equipos, seleccións ou deportistas procedentes doutras federacións distintas ás españolas) e de alto impacto (os de maior escala, que xeren un impacto significativo tanto no ámbito económico como no social). Neste caso, o importe máximo da subvención será de 25.000 euros.

Pola súa banda, os 250.000 euros restantes serán para as competición oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira das liñas. A principal novidade deste ano é o aumento do importe desta segunda liña, en 50.000 euros, e o incremento da axuda máxima que poden recibir as entidades beneficiarias da mesma, que pasa dos 6.000 euros do ano pasado aos 12.500 euros desta edición.

O procedemento de concesión das subvencións levarase a cabo en réxime de concorrencia competitiva e cos recursos destas axudas poderanse financiar gastos federativos (os emitidos polas federacións deportivas da competición ou do evento deportivo subvencionado); de viaxe (desprazamentos, aloxamento e manutención); de organización ou relativos a calquera servizo contratado para planificar, organizar e executar a competición; publicitarios; sanitarios, de material e premios.

O prazo para solicitar as axudas, que se abre este mesmo luns 10 de marzo, é de 20 días hábiles e as bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.