Luis López ve en eventos deportivos como o Campionato de España de Marcha o mellor escaparate para “un destino líder formado por 61 concellos como as Rías Baixas”
O presidente provincial destaca o apoio da Deputación, valorado en case 800.000 euros, para a organización de competicións deportivas na presentación deste campionato de ámbito nacional que se celebrará este domingo na Avenida de Ourense de Marín
04/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou a condición de Pontevedra como “a provincia do deporte” pola organización dun novo evento deportivo de alcance nacional como é o Campionato de España de Marcha que se celebrará esta fin de semana en Marín. Acompañado pola alcaldesa e deputada María Ramallo, así como polo secretario xeral para o deporte, Jose Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Ivan Pablo Sanmartín; e os marchadores pontevedreses Daniel e Antía Chamosa; o presidente Luis López participou no Concello de Marín na presentación deste campionato e salientou a importancia da colaboración entre administracións para poder acoller eventos coma este. “A Deputación aposta pola acollida de eventos deportivos que nos lanzan fóra de España e atraen xente que acaban sendo prescriptores dun destino líder como son as Rías Baixas, formadas polos 61 concellos da provincia”, explicou o presidente.
O campionato de España de Marcha en Ruta 2025 para as categorías absoluto e máster, así como os campionatos nacionais de federacións autonómicas das categorías inferiores sub20, sub18 e sub16 celebrarase en Marín o vindeiro domingo 9 de marzo. Nun circuíto habilitado ao longo da Avenida de Ourense, a actividade estenderase desde as 8.30 ata as 14.20 horas, coa saída da última carreira, a de categoría feminina sub16. O inicio da proba de categoría absoluta, na que compiten os pontevedreses Daniel Chamosa, vixente campión autonómico; e a Antía Chamosa, que debutou o pasado verán como olímpica en París; está previsto para as 8.30 horas e terá unha duración máxima para completar os 35 quilómetros de percorrido de 3 horas e 45 minutos para homes e dez minutos máis para as mulleres.
Despois de acoller a saída da segunda etapa da carreira ciclista O Gran Camiño a pasada semana e albergar agora unha das probas máis importantes do atletismo nacional, o presidente Luis López amosou a súa satisfacción. “Presumimos con razón e con orgullo de que Pontevedra é a provincia do deporte. E tamén temos que facer o mesmo, neste caso, con Marín que está a demostrar ser o concello do deporte e garantía de éxito e boa organización de eventos deportivos”, sinalou o dirixente provincial, antes de referirse á ”colaboración entre as administracións —neste caso Concello, Deputación, Xunta e Federacións— para estar no máis alto do deporte en canto a organización de eventos e talento que apoiamos e promovemos”. Un discurso no que tamén destacou o papel de deportistas como os irmáns Chamosa, “que nos sitúan no primeirísimo nivel”.
Apoio de 800.000€ á organización de eventos deportivos
Neste punto, o titular do goberno da Deputación fixo referencia ao importante apoio que o goberno provincial está a destinar ao deporte. Ademais dun Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas dotado con 8 millóns de euros para modernizar as instalacións municipais da provincia, a Deputación ten en marcha tres liñas de subvencións para impulsar a organización de eventos deportivos: unha creada o ano pasado e reeditada este 2025 polo goberno de Luis López para promover a organización de eventos deportivos de interese turístico (100.000€), outra para estimular a organización de eventos ou competicións deportivas (550.000€) e, finalmente, outro programa novidoso creado este ano para apoiar a compra de bens ou servizos derivados da organización de eventos deportivos (120.000€). “Tres liñas de axudas que mobilizan case 800.000€”, resumiu Luis López.
Finalmente, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación para seguir apoiando a organización de eventos deportivos para seguir situando “ás Rías Baixas no mapa dos grandes eventos deportivos” e a vontade de seguir colaborando con todo o tecido deportivo da provincia. Concluíu Luis López a súa intervención desexando sorte aos marchadores locais e convidando a todos os amantes do deporte a achegarse este domingo a Marín para desfrutar dunha xornada de “atletismo con maiúsculas”.
