Luis López reafirma, en vésperas do 25-N, o compromiso do goberno provincial coa igualdade e anuncia a aprobación de 460.000 € para programas de loita contra a violencia machista

“Compromiso e, ademais, boa xestión porque, se este ano aprobamos estas liñas de axudas en xaneiro, as do 2026 están xa en marcha, un mes antes de que comece o ano, para que poidamos seguir avanzando canto antes e xuntos na construción dunha provincia libre de violencias machistas”, subliñou o presidente

21/11/2025

Conferencia de prensa de Luis López

"En vésperas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, seguimos demostrando que somos un goberno comprometido coa igualdade", asegurou o presidente da Deputación Luis López ao informar da aprobación de dúas liñas de axudas por valor de 460.000 € para fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e previr a violencia machista.

"As cifras avalan o noso compromiso coa igualdade: 460.000 € para o fomento da igualdade no 2026 e un orzamento para este servizo que, o próximo ano, medra un 7%", subliñou Luis López. O presidente tamén puxo en valor a "boa xestión" do goberno provincial, "porque se este ano aprobamos estas liñas de axudas en xaneiro, as do 2026 están xa en marcha, un mes antes de que comece o ano, para que poidamos seguir avanzando cantes antes e xuntos na construción dunha provincia libre de violencias machistas".

En liñas xerais, 260.000 € están dirixidos aos concellos de menos de 20.000 habitantes para mellorar a atención integral ás vítimas e ás súas fillas e fillos, axudar a mulleres en situación de vulnerabilidade e, entre outras iniciativas, mellorar a formación e a orientación das mulleres. Por outra banda, os 200.000 € restantes irán destinados a entidades de iniciativa social sen fins de lucro para que poidan poñer en marcha programas de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero, de atención a vítimas de violencia machistas e ás súas fillas e fillos, a mulleres vulnerables ou con dificultades ou, entre outros, para actividades de fomento da igualdade.

videos

audios