A Deputación conmemora este martes o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa lectura dun manifesto e a estrea dun anuncio
As principais sedes institucionais da Deputación en Pontevedra e Vigo iluminaranse desde a noite do luns ata a mañá do mércores
23/11/2025
A Deputación de Pontevedra conmemora este martes 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no Pazo provincial que terá lugar ás 11:00 horas no marco da campaña O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo? Ademais, desde o luns pola noite e ata o martes pola mañá, tanto o Pazo provincial como a sede de Vigo iluminaranse de morado para reivindicar a fin dunha das formas máis persistentes e normalizadas de violación dos dereitos humanos.
No acto, no que intervirá a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, procederase á lectura dun manifesto a cargo de María Jesús Pires Juncal, responsable de violencia de xénero da Unidade da Policía Adscrita do Corpo Nacional de Policía. Ademais, rematará coa estrea do anuncio da campaña deseñada pola Deputación para este ano, un audiovisual que pon o foco nos comportamentos machistas instalados no cotián e, polo tanto, máis difíciles de detectar. Trala estrea, a Deputación de Pontevedra difundirá o anuncio a través das súas distintas canles institucionais.
Co gallo do 25 de novembro a Deputación lanzou este ano a campaña O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo?, co obxectivo de poñer unhas lentes con perspectiva feminista e ter unha mirada axeitada sobre a violencia de xénero. Arredor desta campaña a institución desenvolveu unha ampla programación de actividades que inclúen un concurso escolar, un mural, obradoiros formativos e actividades de divulgación como a celebrada esta semana no Porriño e a que terá lugar este luns na sede de Vigo ao abeiro do programa Aquí faltan páxinas, ou a presentación dos resultados do traballos de investigación 'Mulleres e Publicidade en Pontevedra' no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e a Universidade de Vigo.