Luis López destaca os 7,2M€ mobilizados pola Deputación nos dez concellos das comarcas do Condado e A Paradanta para executar proxectos que revitalizarán o espazo público

O presidente provincial resume nun encontro en Mondariz diante de alcaldes dos dez concellos desta comarca os proxectos que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes

03/12/2025

Luis López - Balance da primeira convocatoria do Plan Extra - Condado Paradanta

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 7,2 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos dez concellos das comarcas do Condado e A Paradanta. O mandatario provincial continúa en Mondariz a serie de encontros comarcais iniciada en Moraña, e que tivo continuidade no Porriño, A Guarda e Cangas do Morrazo; para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. "Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %", definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.

No Concello de Mondariz, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal e asociativo dos dez concellos —Mondariz, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño— que integran as comarcas do Condado e A Paradanta, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos dez proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. "Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para os 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria", afirmou López.

Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra nestas dúas comarcas está o da mellora da accesibilidade, da eficiencia enerxética e dos equipamentos do pavillón municipal de Mondariz que recibe un total de 500.000 euros da Deputación a través da combinación dos recursos do Plan Extra e o do +Provincia que permiten financiar o 100 % da obra. Un apoio aos concellos que expresou o presidente enumerando outras obras postas en marcha nestes municipios a través desta convocatoria como a ampliación dun edificio para funcionar como centro de atención á infancia proposto polo Concello de Arbo ao que a Deputación achega medio millón de euros dun total de 585.000 euros. Na Cañiza, a adminitración que preside Luis López aporta preto dun millón de euros para humanización da rúa Antonio Facorro que completa o goberno local con 280.000 euros. En Covelo, son 500.000 euros os inxectados pola Deputación para un proxecto valorado en 586.500 euros para a urbanizar unha parcela no centro da vila cuxo orzamento completa o Concello. O mesmo ocorre en Crecente, co medio millón de euros de fondos provinciais para un proxecto de reposición do céspede artificial no campo de fútbol valorado en 588.000€. En Mondariz-Balneario, a humanización da contorna da Praza de Abastos, valorada en 575.000 euros, é posible grazas aos 490.000 euros que pon a Deputación. E en Ponteareas, a construción dunha pista de atletismo e de vestiarios no complexo deportivo Álvaro Pino é posible grazas á achega de 830.000 euros de fondos provinciais e dos 360.000 euros aportados polo Concello. Nestes casos, os concellos completan cada un dos orzamentos con fondos propios ou con subvencións doutras administracións porque "premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen", puntualizou López.

O +Provincia complementa os investimentos

Sen embargo, noutros casos é a Deputación a que achega o 100% dos investimentos. "A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras", puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través dun mecanismo ao que se acolleron tamén os concellos de Ponteareas e A Cañiza para minorar a parte do confinanciamento que lles correspondía. Ademais do citado caso de Mondariz, nas Neves os recursos do Plan Extra e o +Provincia serven para inxectar os 575.000 euros que custa a mellora das instalacións deportivas da Caíña. En Salceda de Caselas, a Deputación financia o 100 % da obra de saneamento en Entenza, valorada en 875.000€. E en Salvaterra de Miño, son máis de 550.000 euros os achegados polo organismo provincial para a humanización da Ermida de San Roque en Cabreira.

En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 7,2 millóns de euros nos dez concellos das comarcas do Condado e A Paradanta, dos que o organismo provincial achega 6,3 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. "Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade", dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de seis propostas que suman un investimento total de 7,3M€ que se atopan xa en fase de valoración.

Aposta polo interior

A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios, moitos deles enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.

"Mondariz representa á perfección o enorme potencial do interior da provincia, o que desde a Deputación estamos a fomentar non só con plans como o Extra, o de Infraestruturas Deportivas ou o +Provincia; tamén con campañas turísticas pioneiras como Cando Volves? Que está a facer que o interior da provincia e concellos como Mondariz dean a volta ao mundo", sinalou o presidente provincial, quen lembrou tamén os 128 millóns de euros que mobilizará a Deputación o vindeiro ano a través dos plans de cooperacións nos concellos da provincia. "Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos", concluíu o presidente Luis López. 

Galerias de imagenes

Noticias relacionadas

{"classPK":14284464,"groupId":"37861","name":"20251223_PlanExtra-Deza_00.jpg","alt":"O presidente provincial resume nun acto en Lalín diante de alcaldes destes municipios","title":"20251223_PlanExtra-Deza_00.jpg","type":"document","uuid":"6e7b2db5-7abc-0566-04bb-83f47f2975f7","fileEntryId":"14284464","resourcePrimKey":"14284535"}

Luis López ve nos 7,55M€ mobilizados nas comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes o exemplo da aposta da Deputación polos proxectos estratéxicos para o rural

  23/12/2025

{"classPK":14249347,"groupId":"37861","name":"20251217_luislopez_planextra_vilagarcia_jphilippot_03.jpg","alt":"Balance da primeira convocatoria do Plan Extra - Arousa e O Salnés","title":"20251217_luislopez_planextra_vilagarcia_jphilippot_03.jpg","type":"document","uuid":"92c6120a-8f9e-ec05-adbb-ce485fe72638","fileEntryId":"14249347","resourcePrimKey":"14249467"}

Luis López destaca os 8,7M€ mobilizados pola Deputación nos nove concellos de Arousa e O Salnés para executar obras que “levaban anos agardando a súa oportunidade”

  17/12/2025

{"classPK":14241068,"groupId":"37861","name":"20251216_luislopez_planextra_crecente_jphilippot_04.jpg","alt":"Luis López e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo","title":"20251216_luislopez_planextra_crecente_jphilippot_04.jpg","type":"document","uuid":"8eecbfe1-c0ac-792c-5e77-092e501d0272","fileEntryId":"14241068","resourcePrimKey":"14241092"}

Luis López asina co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, unha achega de 0,5M€ para instalar céspede artificial no campo de fútbol municipal

  17/12/2025

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.