O goberno de Luis López destina 8 millóns de euros en dous anos á dinamización cultural da provincia de Pontevedra

“Investimos recursos en cultura como nunca antes se fixera na Deputación de Pontevedra e apostamos por espallar as múltiples manifestacións da nosa cultura por toda a xeografía da provincia”, destacou o deputado de Cultura, Jorge Cubela

06/07/2025

O goberno de Luis López destinou nos dous primeiros anos de mandato 8 millóns de euros á dinamización cultural da provincia de Pontevedra. “Investimos recursos en cultura como nunca antes se fixera na Deputación de Pontevedra e apostamos por espallar as múltiples manifestacións da nosa cultura por toda a xeografía da provincia”, remarcou o deputado de Cultura, Jorge Cubela. Ademais, ao longo deste mandato atendéronse disciplinas que “foran abandonadas”, como as artes escénicas, con programas como +Escénicas: “unha das nosas iniciativas culturais estrea, deseñada para todos e con todos, á que destinamos 320.000 euros”, destacou o deputado.

Nestes dous anos de mandato de Luis López a Deputación apostou por achegar a cultura a todas as vilas da provincia de Pontevedra, con programas como Culturea, de actuacións de grupos e artistas da provincia e dotado de 2,8 millóns de euros, ou +Música, con 1,8 millóns de euros para apoiar a programación cultural nos concellos con espectáculos 100% galegos. Ademais tamén se aprobaron preto de 1,2 millóns de euros para que entidades sen fins de lucro da provincia puidesen impulsar actividades culturais e garantir o funcionamento das escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro.

O cinema e o impulso de rodaxes na provincia foron tamén dúas importantes liñas de acción destes dous primeiros anos de goberno de Luis López na Deputación, destinando 485.000 euros aos Rías Baixas Film Fest, o circuíto de festivais de cinema da provincia, e 365.000 euros ao patrocinio de películas, documentais ou series na provincia de Pontevedra a través de Rías Baixas Acción.

Tamén se destinaron preto de medio millón de euros aos festivais musicais e de artes escénicas da provincia, e preto de 300.000 euros ao impulso de actividades relacionadas ben co cinema, ben coa música ou coas artes escénicas, ou para organizar feiras do libro na provincia, exposicións, xornadas, eventos e encontros culturais. Por outra banda, dirixíronse máis de 160.000 euros a colaborar con premios culturais relacionados co audiovisual ou coa música, 80.000 euros a patrocinios culturais e 71.000 euros a celebrar datas sinaladas como as Letras Galegas, o Día de Rosalía ou o Día do Libro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.