A Deputación organizou no 2024 máis de 200 obradoiros de formación nos que participaron preto de 5.000 mulleres de 53 concellos da provincia ao abeiro de +Xuntas

Os obradoiros impartíronse en federacións e fundacións sen fins de lucro e estiveron enmarcados en catro temáticas: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde

20/01/2025

Preto de 5.000 mulleres de 204 federacións e fundacións sen fins de lucro de 53 concellos da provincia participaron ao longo do pasado ano no programa +Xuntas, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para mellorar a formación básica das mulleres da provincia e as súas condicións de vida.  O obxectivo deste programa, que contou cun orzamento de 323.000 euros e do que xa está en marcha unha nova edición, tamén é crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a xeración de vínculos entre participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias.

En concreto, por zonas na contorna de Vigo e do sur da provincia tiveron lugar 83 obradoiros noutras tantas entidades, 23 de Vigo, 10 de Redondela, 9 de Mos, 7 de Ponteareas, 6 de Salceda de Caselas, 6 de Soutomaior, 4 de Tui, 3 de Oia, 2 da Guarda, 2 de Baiona, 2 do Rosal e unha da Cañiza, Arbo, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Salvaterra de Miño e Tomiño, respectivamente. No caso das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes foron un total de 49, 18 en Lalín, 14 na Estrada, 6 en Silleda, 4 en Cerdedo-Cotobade, 3 en Vila de Cruces, 2 en Agolada, 1 en Dozón e 1 en Rodeiro.

Na contorna de Pontevedra celebráronse 39 obradoiros ao abeiro de +Xuntas, 12 en Pontevedra, 5 na Lama, 4 en Caldas de Reis, 4 en Moraña, 3 en Marín, 2 en Barro, 2 en Campo Lameiro, 2 en Cuntis, 2 en Ponte Caldelas, 1 en Poio, 1 en Portas e outro en Vilaboa. Na zona do Salnés e Arousa foron 25, sendo 7 en Vilagarcía, 5 en Vilanova, 3 no Grove, 2 en Cambados, 2 en Meis, 2 en Valga e unha na Illa de Arousa, Catoira, Meaño e Sanxenxo, respectivamente. Por último, na comarca do Morrazo celebráronse 8 accións formativas: 5 en Cangas, 2 en Moaña e unha en Bueu.

Ao abeiro de +Xuntas as entidades podían escoller entre un catálogo de 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde. Desta maneira, “+ Tecnoloxía” contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais; “+ Creatividade”, con talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro; “+ Natura” inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, “+ Saúde”, con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.