A Deputación mobiliza esta semana tres colectivos sociais de Vigo nos obradoiros de +Xuntas
A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez asistirá ao inicio destas acción formativas que están destinadas a promover a igualdade e chegarán neste 2025 a entidades de 56 concellos
12/05/2025
A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de tres colectivos sociais de Vigo. A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez asistirá ao inicio destas accións formativas que están destinadas a promover a igualdade entre mulleres e homes, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da Deputación.
Desta maneira, este mércores 14 de maio usuarias da Asociación de Veciños Praza da Miñoca comezarán o obradoiro de arte floral, o xoves 15 de maio serán as mulleres da Asociación de Mulleres Pedra da Vella as que inicien o seu curso de xardinería e, por último, o venres 16 comezará o obradoiro de plantas medicinais as usuarias da Asociación Veciñal de Consumidores, Usuarios e Cultural Emilio Crespo de Navia.
No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.
Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos da Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.