A Deputación ofrece este mércores unha mesa redonda sobre como derrubar estereotipos das mulleres científicas dentro do ciclo Ciencia en Feminino

O encontro, telemático, enmárcase na programación de actividades da Deputación co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña A nosa meta, a igualdade

09/03/2026

A Deputación continúa este mércores 11 de marzo co ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio. O segundo encontro do ciclo, que se pode seguir a través da canle de GCiencia en Youtube, centrarase nunha mesa redonda sobre como derrubar estereotipos da muller científica, con Laura Castro Souto, profesora de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información na Universidade da Coruña e experta en Intelixencia Artificial; Gloria González Fortes, paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais; e Beatriz Fernández Domínguez, profesora de física cuántica na Universidade de Santiago de Compostela.

Os encontros de Ciencia en Feminina continuarán o mércores 18 de marzo cunha entrevista a Elena Vázquez Abal, catedrática de Matemáticas da Universidade de Santiago que recibiu no 2024 o Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias. E xa o mércores 25 pecharase o ciclo cunha mesa de debate centrada na muller e na ciencia e nos principais obstáculos para desenvolver a carreira investigadora. Neste caso participarán Ainara Díaz Geada, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela na área de Enfermaría; Soledad Torres Guijarro, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora de atlanTTic na Universidade de Vigo; e Iria Gómez Touriño, bióloga molecular experta en diabetes e investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela.

O ciclo Ciencia en feminino forma parte da campaña A nosa meta, a igualdade, coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) que a igualdade entre mulleres e homes é unha carreira de fondo, chea de retos pero tamén de obstáculos. “Se algo nos gusta neste goberno e nesta provincia -asegurou o presidente provincial Luis López na presentación da campaña- é chegar á meta en todo o que nos propoñemos” e, por este motivo, “non imos dar nin un só paso atrás; a defensa dos dereitos das mulleres é a única postura posible”.