A Deputación estrea este mércores a nova edición do ciclo Ciencia en feminino cunha entrevista a África González, catedrática de Inmunoloxía e Premio María Josefa Wonenburger 2025
O encontro, telemático, enmárcase na programación de actividades da Deputación co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña A nosa meta, a igualdade
03/03/2026
A Deputación de Pontevedra estrea este mércores 4 de marzo unha nova edición do ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que terán lugar todos os mércores do mes e afondarán na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio.
O ciclo, que se pode seguir a través da canle de GCiencia en Youtube, comezará coa entrevista a África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e Premio María Josefa Wonenburger 2025 pola súa traxectoria investigadora. Haberá outra entrevista no marco de Ciencia en feminino, neste caso será Elena Vázquez Abal, catedrática de Matemáticas da Universidade de Santiago que recibiu no 2024 o Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias, a que traslade as súas experiencias.
Ademais, ao longo do mes completarán as entrevistas de Ciencia en Feminino outras dúas mesas redondas: unha centrada en como derrubar os estereotipos da muller científica, con Laura Castro Souto, profesora de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información na Universidade da Coruña e experta en Intelixencia Artificial; Gloria González Fortes, paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais; e Paula Álvarez Cartelle, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, entro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia.
A segunda mesa de debate centrarase na muller e na ciencia e nos principais obstáculos para desenvolver a carreira investigadora. Neste caso participarán María José Servía, profesora da Universidade da Coruña na área de Zooloxía; Soledad Torres Guijarro, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora de atlanTTic na Universidade de Vigo; e Iria Gómez Touriño, bióloga molecular experta en diabetes e investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela.
O ciclo Ciencia en feminino forma parte da campaña A nosa meta, a igualdade, coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) que a igualdade entre mulleres e homes é unha carreira de fondo, chea de retos pero tamén de obstáculos. “Se algo nos gusta neste goberno e nesta provincia -asegurou o presidente provincial Luis López na presentación da campaña- é chegar á meta en todo o que nos propoñemos” e, por este motivo, “non imos dar nin un só paso atrás; a defensa dos dereitos das mulleres é a única postura posible”.