A Deputación acolle unha xornada para formar os concellos pequenos da provincia na obtención de financiamento autonómico, estatal e europeo

O deputado Javier Tourís inaugurou este evento enmarcado no programa europeo C2 Axenda 2030 Local, que abre unha segunda fase co lanzamento dunha Comunidade de Aprendizaxe de Proxectos Transformadores

04/03/2026

A Deputación acolle unha xornada para formar os concellos pequenos da provincia na obtención de financiamento autonómico, estatal e europeo

A Deputación de Pontevedra organizou este mércores no Edificio Administrativo unha xornada destinada aos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia no marco do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local cun dobre obxectivo: lanzar a Comunidade de Aprendizaxe de Proxectos Transformadores, un servizo de acompañamento técnico deseñado para reforzar a súa capacidade para acceder a fondos europeos, estatais e autonómicos, e asistir a unha sesión formativa sobre a súa obtención. O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, inaugurou este encontro, que abre unha segunda etapa do programa e no que participou persoal municipal dos concellos da Lama, Meis, Mondariz, Moraña, As Neves, Pontecesures, Salceda de Caselas, Valga e Vilaboa.

Javier Tourís asegurou que “chegamos aquí cun camiño xa percorrido no que 17 concellos completaron os seus plans estratéxicos e as súas follas de ruta 2030, que falan de envellecemento, soidade, vivenda, mobilidade, residuos, xestión dos montes e servizos básicos no rural: non son discursos xenéricos, senón retos concretos”. O deputado lembrou que contar cun plan estratéxico é só o primeiro paso. “O obxectivo é que ese plan se converta en proxectos concretos con financiamento real, e ese é o salto que vimos dar hoxe coa comunidade de aprendizaxe”, que será un espazo de traballo compartido, de formación práctica e de acompañamento técnico individualizado a cada concello “para que cada un de vós poida levar adiante un proxecto ben formulado, con posibilidades reais de financiamento”.

O deputado de Fondos Europeos avanzou que nos seguintes meses se levarán a cabo “entrevistas, talleres e mentorías personalizadas ata que cada concello teña a memoria técnica dun proxecto listo para presentar a convocatorias concretas”, xa que “o compromiso da Deputación non é só xestionar fondos, senón acompañarvos para que vos cheguen: converter as ideas en proxectos transformadores reais, con financiamento real e con impacto real na veciñanza”. A sesión formativa axudará aos concellos a avanzar neste obxectivo, centrándose en convocatorias “filtradas en función da vosa capacidade real e dos vosos ámbitos de interese”. Deste xeito, a sesión foi gravada e editada, e quedará dispoñible no repositorio dixital do proxecto para a consulta dos concellos. Ademais, Tourís sinalou que tamén se abrirá unha fase de conexión e traballo conxunto con municipios do Alto Minho para os proxectos de carácter transfronteirizo.

A Deputación de Pontevedra acompaña os concellos da provincia no proceso de planificación estratéxica da man do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027, do que a institución provincial é coordinadora cun orzamento de preto de 800.000 €. Trátase así de dotalos dunha planificación estratéxica, aproveitando as sinerxías entre os concellos para identificar retos compartidos e xerar proxectos comúns, xa que esta é cada vez máis requirida nas convocatorias de axudas.

O proxecto C2 Axenda 2030 Local ten tres vías principais de actuación cos concellos: a diagnose e xeración de ferramentas para identificar necesidades concretas e deseñar ferramentas adaptadas, actividades de capatización colaborativa (seminarios, cursos e comunidades de aprendizaxe) para facilitar o contacto e aprendizaxe mutuas e para concretar proxectos colaborativos, e a creación dun observatorio de localización da Axenda 2030 para integrar o coñecemento e as boas prácticas identificadas durante o proxecto, que servirá tamén para darlle continuidade. A Deputación desenvolve este proxecto coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (Portugal), as deputacións de Cáceres e Huelva e as comunidades intermunicipais de Beira Baixa e Baixo Alentejo, coa participación académica da Universidade de Vigo.

Galerias de imagenes

videos