Luisa Sánchez convida a toda a cidade a gozar do concerto gratuíto que a Banda Filharmónica de Vigo ofrecerá en San Miguel de Oia

O recital, que se celebrará o sábado 29 de novembro, estará dirixido polo prestixioso compositor neerlandés Johan de Meij

26/11/2025

Luisa Sánchez

A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, convidou a toda a cidade a gozar do concerto gratuíto que a Banda Filharmónica de Vigo ofrecerá no Centro Cultural de San Miguel de Oia o sábado 29 de novembro (19.00 horas), dentro do ciclo Entradiñas de Aninovo que promove a institución provincial por segundo ano consecutivo.

O recital, que foi presentado este mércores, estará dirixido polo prestixioso compositor neerlandés Johan de Meij, que terá a 65 músicos baixo a súa batuta. O programa estará formado por pezas do seu propio repertorio.

Luisa Sánchez, acompañada da deputada Paula Bouzós e dos membros do equipo organizador Juan Carlos Díaz e Daniel González, animou a non agardar para retirar as invitacións, xa que se espera que o auditorio alcance o cheo. Os convites para asistir ao concerto poden obterse na tenda de música Ópera Prima, situada na rúa Manuel de Castro, ou contactando por correo electrónico coa Banda Filharmónica de Vigo (info@bandafilharmonicavigo.gal).

A presidenta en funcións agradeceu o labor desenvolvido polo servizo de Cultura da Deputación e pola propia agrupación musical para deseñar conxuntamente a programación do ciclo Entradiñas de Aninovo deste ano, que contempla actuacións en diferentes concellos da provincia. “Con propostas coma esta, achegamos a cultura a todos os públicos, apoiamos o talento local e consolidamos actividades que enriquecen a vida dos barrios e parroquias do noso territorio”, apuntou.