A Deputación renova o seu compromiso coa cultura en Vigo destinando 100.000 euros ao MARCO
A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, e o director do museo municipal, Miguel Fernández-Cid, asinaron publicamente o convenio correspondente a 2025 para colaborar na produción e realización de exposicións, actividades e publicacións
20/11/2025
A Deputación de Pontevedra renovou este xoves o seu compromiso coa cultura en Vigo a través da firma do convenio de colaboración que a institucional provincial asina cada ano coa Fundación MARCO. Un acordo que permite impulsar a actividade do Museo de Arte Contemporánea da cidade olívica cunha achega económica de 100.000 euro
Tal e como explicou a vicepresidenta, Luisa Sánchez, esta contía contribuirá a financiar a produción e realización de exposicións, actividades e publicacións artísticas. Nomeadamente, contémplase o apoio ás mostras de Susanne Themlitz, Laura Lio ou Érguete; aos foros ‘Diálogos abertos’ ou ‘As voces femininas que non se escoitan’; e aos catálogos de Juan Giralt ou Alfonso Galván, entre outras iniciativas.
“Damos un pulo ao desenvolvemento do museo MARCO para que sexa un lugar próximo á cidade e dispoña dunha oferta variada e atractiva. Queremos que sexa un espazo vivo e aberto, facilitando o acceso universal á cultura e, polo tanto, ao seu poder transformador”, apuntou Luisa Sánchez durante o acto de sinatura pública celebrado na sede da Deputación en Vigo, no que estivo acompañada polo director deste centro artístico, Miguel Fernández-Cid.
“Alégrame que o máximo responsable dun museo municipal se achegue ata a nosa sede para participar nesta firma pública”, sinalou a vicepresidenta provincial tras felicitar a Fernández-Cid polo seu traballo.
O director do MARCO entregou a Luisa Sánchez unhas copias das publicacións realizadas ao abeiro do convenio, concretamente en torno ás figuras de Juan Giralt e Alfonso Galván.
