A Deputación destina 15.000 € á Asociación Ponte nas Ondas para poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial e a identidade común de Galicia e Portugal

A través desta colaboración estanse a organizar obradoiros de radio e patrimonio inmaterial en centros educativos da Ponteareas, Tomiño, Mondariz, A Guarda, Salvaterra de Miño, Marín e Gondomar

03/11/2026

A Deputación de Pontevedra destina 15.000 € á Asociación Ponte nas Ondas, a única entidade acreditada pola UNESCO en Galicia para a transmisión do patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións. O obxectivo desta colaboración e contribuír na preservación, difusión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial a través de actividades prácticas que permiten aos escolares achegarse ás expresións da tradición oral e musical, así como a documentalas e transmitilas mediante ferramentas de comunicación.

Deste xeito, a través desta colaboración estanse a organizar obradoiros de radio, música tradicional e patrimonio en centros educativos da provincia. As sesións comezaron este mesmo luns 2 de novembro no CEIP Santiago de Oliveira (Ponteareas) e continuarán o mércores 4 de novembro no CEIP Barrantes (Tomiño), o 16 de novembro no CPI de Mondariz (Mondariz), o 23 de novembro no CEIP Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda), o 25 de novembro no CEIP Leirado (Salvaterra de Miño), o 26 de novembro no CEIP Sequelo (Marín) e o 27 de novembro no IES Terra de Turonio (Gondomar).

En todos os obradoiros combinarase narración oral, música, canto, expresión oral, radio e podcast en sesións prácticas. Para elo, dividirase ao alumnado en grupos de tal xeito que un prepara o guión, organiza o programa de radio e o podcast e outro, ao mesmo tempo, se aproxima ás expresións do patrimonio cultural inmaterial preparando pezas que interpretarán con instrumentos e voces. O traballo nos centros educativos conclúe co gravación dun podcast.