A Deputación organiza esta semana seis novas saídas ao abeiro do plan +Convivencia das que se beneficiarán entidades de catro concellos da provincia

Serán máis de 380 as persoas que poderán desfrutar do Castelo de Soutomaior, as illas de San Simón e Sálvora, Arbo, Salvaterra, Campo Lameiro ou, entre outros, Sanxenxo

08/05/2025

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana co desenvolvemento do programa +Convivencia, con seis novas saídas das que desfrutarán un total de 382 persoas de entidades Caldas de Reis, Cambados, Salvaterra de Miño e Vigo. En concreto, este sábado 10 de maio un grupo de 90 persoas da Asociación de Pais de Alumnos Os Olmos, de Cambados, fará unha excursión ao Castelo de Soutomaior e á Illa de San Simón; 69 membros da APA A Barxa do CEIP García Barbón, de Vigo, coñecerán a Illa de Sálvora; 50 da Asociación de Amas de Casa Albariño, de Cambados, irán de excursión a Arbo, Salvaterra e o Pazo Pegullal, e 41 da ANPA do Colexio CPR San Fermín, de Caldas de Reis, visitarán o parque rupestre de Campo Lameiro.

Por outra banda, xa o domingo, 11 de maio, será a quenda de 83 persoas da ANPA do CEIP Carlos Casares, de Salvaterra de Miño, que pasarán o día no Parque Multiaventura Dakart, en Sanxenxo, e, ese mesmo día, 50 persoas da Fundación para la Pesca y el Marisqueo (FUNDAMAR), de Vigo farán o safari intermareal "As pistas que deixa o mar".

O programa +Convivencia, cun orzamento neste 2025 de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas. Ao longo de 2025 poderán participar no programa ata 229 entidades.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.