A Deputación reúne a 300 persoas na xornada do programa +Convivir nas Neves para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila

O deputado Pablo Castillo participou nas actividades que tiveron lugar no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé da localidade

27/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal das Neves no marco do programa +Convivir deste 2026. O deputado provincial Pablo Castillo participou nas actividades que tiveron lugar no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé da localidade e nas que se deron 300 persoas da vila.

Pablo Castillo lembrou que esta xornada forma parte da terceira edición do programa, que está a percorrer a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural das Neves”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.

Durante esta xornada lúdica no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé das Neves, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre alzhéimer a cargo de AFAGA, un curso de nutrición da man de Manuel Viso e unha actividade de bailes de salón con Bregoán Pérez. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música a cargo dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.

A terceira edición de +Convivir arrancou a pasada fin de semana en Cangas de Morrazo e tras pasar xa por Poio e As Neves, continuará neste 2026 en Marín, Rodeiro, Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións desta iniciativa da Deputación para poñer en valor o compromiso do goberno provincial co tecido asociativo e veciñal e para enxalzar o papel que este desenvolve no avance da provincia participaron un total de máis de 10.000 persoas.