A Deputación continúa este domingo 8 de novembro en Meaño a nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027

A xornada terá lugar no pavillón polideportivo de Xil a partir das 16:30 horas e incluirá actividades formativas e lúdicas para toda a veciñanza

05/11/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 8 de novembro ata Meaño a que será a oitava xornada de convivencia do programa +Convivir do período 2026/2027, tralo seu paso por Cangas de Morrazo, Poio, As Neves, Marín, Agolada, Ponteareas e chegar este sábado á Estrada. A cita terá lugar o domingo a partir das 16:30 horas no pavillón polideportivo de Xil, ata onde se desprazarán centos de persoas procedentes do movemento asociativo e veciñal da vila.

+Convivir trátase dunha iniciativa provincial para tecer lazos e crear espazos de encontro, así como avanzar no fortalecemento das relacións entre a Deputación de Pontevedra e o movemento asociativo e veciñal da provincia. Deste xeito, en Meaño +Convivir ten previsto organizar un obradoiro de primeiros auxilios da man de Manuel Viso, outro de risoterapia da man de Mónica Novas e unha sesión de zumba. A xornada rematará cunha merenda dinamizada cunha sesión DJ.

Esta edición de +Convivir chegará a arredor dunha trintena de concellos entre este ano e o próximo. Ademais de Meaño, A Estrada, Ponteareas, Agolada, Marín, As Neves, Cangas de Morrazo e Poio, está previsto que se poida desfrutar desta xornada tamén en Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións de +Convivir participaron máis de 10.000 veciñas e veciños da provincia.