A Deputación reúne a un millar de persoas na xornada do programa +Convivir celebrada en Poio para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila
O deputado Jorge Cubela participou nas actividades que tiveron lugar no Parque Ankar
26/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Poio no marco do programa +Convivir deste 2026. O deputado provincial Jorge Cubela participou nas actividades que tiveron lugar no Parque Ankar e nas que se deron cita máis dun millar de persoas da vila.
Jorge Cubela lembrou que esta xornada forma parte da terceira edición do programa, que está a percorrer a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Poio”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica no Parque Ankar de Poio, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre alzhéimer a cargo de ANFAPO, un curso de primeiros auxilios da man de Manuel Viso e unha actividade de zumba con Alberto Canosa. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música a cargo dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.
A terceira edición de +Convivir arrancou a pasada fin de semana en Cangas de Morrazo e tralo seu paso por Poio chegará mañá ás Neves e continuará neste 2026 en Marín, Rodeiro, Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións desta iniciativa da Deputación para poñer en valor o compromiso do goberno provincial co tecido asociativo e veciñal e para enxalzar o papel que este desenvolve no avance da provincia participaron un total de máis de 10.000 persoas.