A Deputación leva este sábado ata Tui unha nova xornada do programa de convivencias veciñais +Convivir
Trátase da décima das xornadas da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que chegará este sábado ao IES San Paio a partir das 16:30 horas
19/11/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 22 de novembro ata Tui unha nova xornada do programa de convivencias veciñais +Convivir. Trátase da décima actividade da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou este ano por Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia, Bueu, Gondomar e chegará este venres ao IES San Paio de Tui a partir das 16:30 horas, coa presenza do deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís.
A actividade prevé sumar a centos de persoas que gozarán dunha xornada lúdica pero tamén de aprendizaxes. Neste eido, haberá unha charla sobre nutrición, un obradoiro de risoterapia e tamén unha sesión de ximnasia de mantemento. A xornada completarase con música e cun refrixerio para as persoas asistentes.
+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais das localidades polas que xa pasou, o programa chegará no que queda de ano a Covelo e Forcarei. O pasado ano, foron case 4.000 as persoas que desfrutaron das sete citas organizadas pola institución ao longo da xeografía provincial.