A Deputación de Pontevedra aproba 230.000 € para impulsar melloras nas instalacións deportivas de Moraña e Silleda
O presidente Luis López informou de que estes recursos son todo o que lles corresponde no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que inxectará 8 millóns de euros para seguir impulsando a provincia do deporte
13/02/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas axudas por valor de 230.000 euros para os concellos de Moraña e Silleda no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID). Por unha banda, Moraña recibirá 101.000 € para financiar a terceira fase das obras do campo de fútbol de Mirallos, mentres que pola outra Silleda recibirá 131.000 € para acometer a renovación interior dos vestiarios da piscina municipal da Bandeira. En ambos os dous casos, trátase de todos os recursos dos que dispoñen na actual convocatoria do plan extraordinario.
Moraña financiará unhas obras que repercuten tanto na zona do terreo exterior como nas interiores. No exterior, procederase á execución de pavimentos nas zonas perimetrais ao terreo de xogo, con céspede artificial na zona dos bancos e formigón na zona de entrada e o despacho de billetes (que se trasladará a unha nova posición). Tamén se executarán un borde perimetral entre o terreo de xogo e os pavimentos a cota, bancadas de formigón, e se procederá á colocación dunha varanda e dunha barreira de protección baixo a zona das gradas e executaranse novos tramos de peche. No interior, as obras contemplan o acondicionamento interior do actual almacén para convertelo nun novo vestiario máis amplo, que se dotará de todo o equipamento xunto cos aseos, e na zona da cafetaría executarase unha barra en L.
Ademais, tal como adiantou este xoves a deputada provincial Belén Cachafeiro, Silleda poderá facer fronte a unhas actuacións que consistirán na mellora da envolvente da piscina municipal da Bandeira (soleiras, fachadas, carpintaría e cuberta), na compartimentación interior da construción, na mellora dos sistemas de acabados e de acondicionamento e instalacións (protección contra humidades, fontanería, ventilación, iluminación e protección contra incendios) e tamén na dotación de novos equipamentos para este espazo.
Luis López sinalou que o terceiro PEID “está dotado de 8 millóns de euros para seguir avanzando nesa provincia do deporte que tanto ansiamos desde o goberno da Deputación”. Con estes recursos, “os concellos de menos de 50.000 habitantes para impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotalas de equipamento ou adquirir terreos para uso deportivo”, lembrou o presidente provincial.
