A Deputación mellorará a drenaxe e a seguridade viaria da estrada provincial EP-0403 en Cerdedo-Cotobade cun orzamento próximo aos 760.000 €
O presidente Luis López anunciou que a institución provincial financiará integramente a actuación nesta estrada que une Carballedo e Rebordelo, que consistirá na reposición do firme, na mellora do sistema de drenaxe e na redistribución de espazos
20/02/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto de execución de obras de mellora da drenaxe e seguridade viaria na estrada provincial EP-0403 Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo- Cotobade, que conta cun orzamento próximo aos 760.000 euros e estará integramente financiado pola institución provincial, tal e como anunciou o presidente Luis López.
As actuacións previstas na totalidade dos 2,6 quilómetros que ten a estrada provincial, teñen por obxecto mellorar o estado dos firmes e do sistema de drenaxe existente, que se atopan en mal estado. En concreto, mellorarase a drenaxe substituíndo as cunetas en mal estado por outras novas de seguridade formigonadas, e executaranse nova naquelas que non existen. Unha vez executada a drenaxe reporase o firme e, no tramo inicial, executarase no marxe dereito un tramo de barreira de seguridade, co fin de salvagardar a seguridade dos automóbiles. A actuación remata coa redistribución de espazos.
O presidente Luis López sinalou que esta aprobación é unha das dúas obras en estradas nas que se avanzou hoxe, que son “dous exemplos do noso traballo para manter e modernizar a rede de estradas provinciais”. Á actuación en Cerdedo-Cotobade súmaselle outra obra de mellora da estrada provincial EP-2702 Amoedo-Os Pazos, en Pazos de Borbén.
