A Deputación concentra a máis de 300 alumnos e profesores nun mercado en Pontevedra para finalizar o curso 2025/2026 do programa provincial DepoEmprende
O vicepresidente Rafa Domínguez asistiu ao mercado no que participaron Centros de Educación Especial e Secundaria de Pontevedra, O Porriño, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa
27/05/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de asistir en Pontevedra ao mercado que organizou a institución provincial para poñer en valor o traballo realizado por 11 centros escolares que participan no programa DepoEmprende, concretamente na modalidade de Educación Especial e Secundaria. No mercado, que estivo instalado na praza da Ferrería, ata 330 alumnas/os e profesores/as de Educación Especial de Pontevedra, O Porriño e Vilagarcía de Arousa así como de Secundaria tamén de Pontevedra, O Porriño e Redondela e Vigo puxeron á venda os produtos que elaboraron e/ou comercializan a través das 34 cooperativas que crearon de cero ao longo do curso 2025/2026.
O vicepresidente Rafa Domínguez destacou que, con este mercado, “moitos de vós rematades a vosa experiencia no programa DepoEmprende e nas vosas cooperativas” atendendo postos nos que a cidadanía puido adquirir produtos de bixutería, artesanía téxtil, tamén abanos e bálsamos, galletas e doces, velas aromáticas, chocolates, plantas, marca páxinas, libretas e mesmo tazas. Domínguez puxo en valor que, grazas a esta experiencia, “seguro que aprendestes a valorar o traballo das pequenas e medianas empresas para saír a flote nun mundo tan competitivo, e a partir de agora veredes o importante que é apoiar o comercio local e de proximidade para que a riqueza que se xera na provincia quede na provincia”. Neste eido, o vicepresidente agradeceu aos centros educativos que participaron este ano en DepoEmprende, “con todo ese traballo extra que se suma ao do día a día”, e puxo en valor aos que repiten, ano tras ano, neste programa provincial.
Asistiron ao mercado o CEE de Pontevedra, ACEESCA do Porriño e o CEE Vilagarcía de Arousa, cada un con cadansúa cooperativa: The Special, O Mistral e Gráfika7, respectivamente, que venderon velas, plantas, cunchas decoradas, pulseiras, mochilas, camisetas, tote bags, tazas e libretas. Pola súa banda, no que respecta a Secundaria déronse cita o IES Valle Inclán e Luis Seoane de Pontevedra, con cinco e sete cooperativas respectivamente a través das que venderon bixutería artesanal, velas aromáticas, artesanía téxtil, doces e chocolates, pulseiras, marca páxinas ou, entre outras, infusións; o IES Pino Manso do Porriño, con dúas cooperativas de venda de mistery box e galletas artesás; o IES Illa de San Simón de Redondela, con dúas cooperativas para vender biscoitos, pastas, patés, chourizos ou, entre outros, mel; e de Vigo un total de catro centros de secundaria entre os que se atopan o IES Coruxo, o CPR Pl Mª Inmuclada, o CPR Mariano e o CPR Andersen, con 15 cooperativas de venda de bolsas de tela, bixutería, augas, doces, abanos e bálsamos, velas aromáticas, plantas, marca páxinas, chapas e, entre outros elementos, camisetas.
DepoEmprende ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, que crean e xestionan unha cooperativa na que fabrican e comercializan produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade doarase a accións sociais ou ás ONG que elixan por consenso.
