A Deputación repartirá máis de 7,6 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas na contorna de Pontevedra

Estes recursos provinciais completarán actuacións en Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa que mobilizarán ata máis de 10,3 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio

18/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con máis de 7,6 millóns de euros para que os concellos da contorna de Pontevedra se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa que mobilizarán ata máis de 10,3 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.

Os concellos de Cuntis, A Lama e Portas recibirán 500.000 euros, cada un, para financiar, respectivamente, a mellora da mobilidade rural coa creación dun espazo compartido para peóns, bicicletas e vehículos (cun orzamento de preto de 606.000 euros); a mellora da accesibilidade e a seguridade peonil na avenida do Concello e a rúa Manuel Tosar (que ascende aos máis de 606.000 euros); e a mellora e modernización de infraestruturas no camiño do fondo en Porta do Conde (cun orzamento de preto de 656.000 euros). Pola súa banda, a Vilaboa e Caldas de Reis chegarán 700.000 euros, para cada un, cos que poderán facer fronte ao reacondicionamento do parque en Riomaior (cun orzamento de preto de 909.000 euros) e para a mellora da mobilidade peonil na rúa de San Roque e na contorna da capela (con 875.000 euros), respectivamente.

Ademais, ata Barro chegarán preto de 476.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie a rehabilitación da nave da música e a humanización da súa contorna, que ascende aos preto de 560.000 euros. No caso de Campo Lameiro, serán preto de 409.000 euros para a construción de beirarrúas en camiño Agrelo, cun orzamento de preto de 481.000 euros, e de Cerdedo-Cotobade máis de 669.000 euros para financiar a área recreativa da Chan, que ascende aos máis de 836.000 euros.

Pola súa banda, o Concello de Marín recibe máis de 604.000 euros para a creación dunha senda peonil accesible e segura na estrada do Pazo, en Ardán, que conta cun orzamento de máis de 863.000 euros, e o de Moraña preto de 418.000 euros para a mellora de espazos públicos no lugar do Buelo e para a creación da senda peonil ata a rúa Número 7 de Santa Lucía, que ascende aos máis de 491.000 euros. Ademais, o Concello de Poio beneficiarase de preto de 807.000 euros para a rehabilitación e acondicionamento dunha edificación para centro de maiores, que conta cun orzamento de preto de 1,1 millóns de euros, e o de Ponte Caldelas con máis de 462.000 euros para o proxecto de recuperación peonil dos espazos entre as prazas de España e Frei Antonio Orge, que ascende aos máis de 578.000 euros. Finalmente, Sanxenxo contará con 900.000 euros do II Plan Extra da Deputación para financiar o paseo litoral desde Silgar ata a entrada ao parque de Punta Vicaño e a recuperación do sistema dunar e a mellora do acceso peonil na praia de Baltar, que ascende aos preto de 1,8 millóns de euros.

No conxunto da provincia benefícianse do II Plan Extra 57 concellos da provincia que recibirán preto de 37 millóns de euros para impulsar proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos, teñen transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal, incentivan o desenvolvemento do territorio, atraen e fixan poboación, teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.